A actual Xunta deu 1.100 millóns de pesetas aos medios en axudas a dedo

6.619.642 euros, máis de 1.100 millóns de pesetas. Esta é a exorbitante cantidade de cartos públicos que o bipartito da Xunta de Galicia repartiu entre os medios de comunicación a través de convenios. Galiciaconfidencial publica por vez primeira as cifras destas subvencións aos xornais, radios, axencias e diarios electrónicos galegos. A diferenza das axudas polo uso do galego, os convenios non se reparten en función duns criterios publicados no DOG. É dicir, son axudas directas que dependen unicamente do ‘criterio’ de cada consellería.

Por Galicia Confidencial | Galicia | 03/10/2007 | Actualizada ás 02:21

Comparte esta noticia

Na maioría dos acordos (que cubren toda a etapa do bipartito), os medios comprométense a publicar informacións sobre as actividades das consellerías a cambio de cartos. Nalgúns casos específicase que se fará mediante publicidade, pero noutros cóbrase a cambio de publicar novas institucionais disfrazadas de información propia, algo difícil de distinguir para moitos lectores.

Grupos e xornais en papel

Segundo o Rexistro, o Grupo Voz é o principal beneficiado, levándose aproximadamente un de cada catro euros. E é que o Grupo Voz recibiu 1.714.520 euros (uns 285 millóns de pesetas) a través de 18 convenios. Divídense en 11 acordos co xornal, catro con Radio Voz, un con Canal Voz (a filial de internet), un coa Corporación Voz e outro coa Fundación Rey Fernández Latorre.

A continuación ‘clasifícase’ o Grupo El Progreso. Logra a segunda posición entre os máis subvencionados con 1.253.287 euros (208 millóns de pesetas), grazas aos 12 convenios do xornal El Progreso de Lugo (662.219,67 euros), Diario de Pontevedra (dez protocolos por 441.067 euros) e do único convenio que apañou o gratuíto en galego De Luns a Venres (150.000 euros).

Terceiro posto no reparto para Prensa Ibérica, dono de Faro de Vigo (922.029 euros en dez convenios) e de La Opinión da Coruña (192.989 euros en sete protocolos). É dicir, un conxunto de 1.115.018 euros (185 millóns de pesetas, cen menos que o Grupo Voz) en dezasete paquetes para o tamén chamado ‘Grupo Moll’.

A Editorial Compostela tamén sae ben parada. A matriz de El Correo Gallego, apañou a metade de cartos públicos que o Grupo Voz. Foron 12 acordos con El Correo Gallego (782.559 euros), catro con Galicia Hoxe (193.000 euros) e un con Radio Obradoiro (10.000 euros). Suman 17 convenios e 986.059 euros, máis de 164 millóns de pesetas.

Tampouco lle vai de todo mal a Editorial La Capital, editora de El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños. Coas catro cabeceiras suma 443.674 euros (case 74 millóns de pesetas) a través de nove convenios.

O grupo de xornais con menos axudas da Xunta o Grupo La Región. A cabeceira de Ourense apaña 292.466 euros, tres veces máis que Atlántico Diario (Rías Baixas Comunicación) con 85.000 euros en tres acordos. Suman en total 11 convenios e 377.466 euros, case 63 millóns de pesetas.

Pero é o periódico conservador ABC o que fecha o ‘ranking’ de subvencións aos diarios. A delegación galega da cabeceira madrileña quedouse con 94.042 euros -15,6 millóns de pesetas- en tres convenios. Tamén en papel, o semanario A Nosa Terra logrou este ano un convenio por valor de cincuenta mil euros, algo máis de 8 millóns de pesetas.

Emisoras de radio

As cadeas de radio tamén se benefician, pero gozan de menos axudas que a prensa escrita. Así sucede nos xa citados casos de Radio Voz (169.000 euros, uns 28 millóns de pesetas) e Radio Obradoiro (10.00 euros, algo máis de millón e medio de pesetas), cantidades moi inferiores aos seus ‘pais’ en papel, La Voz e El Correo.

Despois de Radio Voz, son o conxunto de emisoras que emiten programación da Cadena Ser as que máis suman. Son 118.000 euros, uns 19 millóns de pesetas en cadanseu convenio da Secretaría Xeral de Comunicación con Radio Coruña, Radio Lugo, Radio Pontevedra, Radio Ourense, Radio Principal e Radio Vigo.

Terceiro posto no ‘ranking’ de radios para a COPE, 95.000 euros, case 16 millóns de pesetas en dous protocolos. Cuarto lugar para Cadena Noroeste (36.000 euros en dúas partidas). Con un só convenio quedaron Onda Cero (25.00 euros), e Radio Líder (10.000 euros).

Axencias de información

As axencias, que subministran aos xornais gran parte dos seus contidos, tamén son destinatarios destas axudas directas dende San Caetano. Así, a Axencia Galega de Noticias, controlada polo Grupo El Progreso, apañou 153.794 euros (25 millóns de pesetas). Europa Press recibiu algo máis da metade desa cantidade, 98.783 euros (uns 16 millóns e medio de pesetas).

Diarios en internet

Os novos medios exclusivamente dixitais tamén recibiron un anaco do pastel, aínda que trátase dun cacho moito máis pequeno cos outros. Así o coruñés Xornal.com -editado por Xornal Galinet SA- asinou dous acordos polos que recibiu 33.000 euros, case 5,5 millóns de pesetas. O seu competidor compostelán Vieiros.com so firmou un convenio coa Secretaría Xeral de Comunicación. Foron 20.000 euros, uns 3,3 millóns de pesetas.

Non son as únicas axudas públicas

En definitiva, salvo contadas excepcións (entre elas, por exemplo, a edición galega de El País, Radio Galicia, Tempos Novos, Efe ou A Peneira), Galiciaconfidencial demostra que PSdG e BNG están a utilizar os departamentos da Xunta que controlan para subvencionar moi xenerosamente á práctica totalidade dos empresarios da comunicación do país.

Cómpre subliñar que estes convenios de colaboración non están regulados por uns criterios transparentes, como sucede co máis de millón de euros repartido en axudas polo uso do galego, convocatoria que si publica o Diario Oficial de Galicia.

Ademais é probábel que non todas as consellerías estean informando ao Rexistro de todos os convenios que firman, malia ser a súa obriga legal, polo que o montante final podería resultar aínda maior dos 1,6 millóns de euros. A esta cantidade hai que sumarlle as axudas polo galego, a numerosa publicidade institucional e os contratos con varias produtoras propiedade de xornais que fornecen de novas locais á TVG.

Consellería a consellería

Se ben é certo que subvencionar masivamente aos empresarios da comunicación xa era práctica común na era Fraga, a ninguén se lle escapa que o actual enorme volume de subvencións inflúe na autonomía que algunhas empresas confiren aos seus xornalistas para cumprir o seu traballo, informar obxectivamente aos cidadáns. Trátase, ademais, de empresas que en moitos casos ofrecen condicións laborais ínfimas aos seus traballadores.

Sexa como for, en vindeiras entregas Galiciaconfidencial detallará estes convenios, para analizar polo miúdo o reparto de cartos públicos, consellería a consellería, medio a medio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 43 comentarios

43 Torito guapo

E que queredes todos teñen un precio. Algúns vendese por pouco outros un pouco mais, pero todos son iguais.
Damolles de comer a todos incluida a Cope. Home os amigos/as moito mais.
Con tal de botar outros 4 anos no Poder doulle ainda que sexa o Bispo de Mondoñedo.

42 F18

El Pais 100.000€ de Política Lingüística en 2007.

http://vicepresidencia.xunta.es/ind...

41 ferradura en tránsito » os apuros de La Voz de Galicia

[...] isto, non perderse os comentarios. Lembrar. chuzame- [...]

40 Galicia Confidencial » Blog Archive » Os partidos terán que pronunicarse sobre as axudas aos medios

[...] O Parlamento de Galicia vai debater unha Proposición non de Lei para vincular as axudas aos medios á creación do emprego estable e ao uso real do galego. O Sindicato de Xornalistas, promotor da iniciativa, alerta que “que os partidos e a Xunta non poden seguir sendo cómplices desta desfeita; mais cando é evidente que a maioría das empresas están a vulnerar as condicións das ordes de axudas publicadas no DOG pola Xunta nos últimos anos, especialmente no referido a promoción da lingua”. Cómpre lembrar que o actual goberno leva repartido máis de 6,6 millóns en subvencións a dedo aos empresarios da comunicación. [...]

39 Galicia Confidencial » Blog Archive » As axudas da Xunta aos medios escritos só en galego

[...] Cómpre sumarlles -ademais da publicidade institucional- as axudas a dedo que se conceden mediante convenios directos. Tamén hai que ter en conta as subvencións ás empresas xornalísticas. Estas últimas, tamén publicadas no Galiciaconfidencial, tamén están vinculadas, en teoría, ao uso do galego mediante outra convocatoria anual no DOG. [...]