Peche no CEIP de Carballeda de Avia

Nais, pais, alumnos e veciños do Concello de Carballeda de Avia farán un peche no Colexio de Educación Infantil e Primaria como protesta contra os recortes que repercutirán na calidade da ensinanza dos alumnos.

Por Galicia Confidencial | Carballeda de Avia | 02/07/2012

A partir deste luns, a ANPA 'O Carballo' do CEIP Pena Corneira de Carballeda e Avia inician un peche no centro. Protestan así pola decisión da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de reducir para o próximo curso  á metade o cadro de profesores que actualmente imparten clase no Colexio de Educación Infantil e Primaria.
 
A ANPA, que iniciou as súas mobilizacións o pasado 20 de xuño, denuncia que dos 7 profesores que actualmente dan clase no CEIP Pena Corneira se recortarán 3, co que o Colexio quedará, o próximo curso, con só 4 mestres para os 50 nenos matriculados en Infantil e Primaria nese Centro.
 
"Recorte" educativo
 
Desde a ANPA denuncian que se trata dun “recorte” en toda regra, acorde coas políticas anunciadas pola Xunta de Galicia especialmente para os centros educativos da provincia de Ourense, que repercutirá negativamente na calidade da ensinanza impartida ós alumnos desta zona e podería levar, no futuro, ó peche do centro. 
 
Ante a confirmación por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dos recortes, a ANPA celebrou o pasado xoves, unha asemblea , na que decidiu organizar unha serie de mobilizacións e actuacións de protesta inmediatas.
 
A ANPA informa que durante toda a semana pasada e estes días comezou xa a contactar con ANPAS de toda a provincia para coordinar actos de protesta en conxunto, de cara a parar este inxustificado recorte de profesorado. Así mesmo indícanlle á Consellería de Educación que non van deixar de manifestar o seu desacordo ante esta agresión a un dereito fundamental dos seus fillos, como é o dereito a unha educación pública de calidade.   
 
A ANPA do CEIP Pena Corneira oponse a esta política de recorte do profesorado e demanda “menos cartos para os bancos e máis para a educación pública” no contexto económico actual.  O obxectivo destas protestas é evitar unha situación que podería levar ó peche dos colexios rurais  que son fundamentais a día de hoxe para poder evitar un maior despoboamento do rural.