Caixas...de cartón

[Parlamento Galego: pleno urxente aproba a creación dunha Comisión de Investigación sobre as Caixas de Aforro e transforma Novacaixagalicia nunha fundación]

Por Valentin Carrera | Compostela | 03/08/2012

 

A súa señoría socialista, María Xosé Caride, describiuno moi ben nos aseados lances de esgrima previos á votación, que finalmente foi unánime: “Deixáronnos vostedes unhas caixas de cartón”.
O que non quedou claro a este cronista é a quen debera referirse ese “vostedes” espetado por Caride aos populares e de inmediato retrucado por Pedro Puy con nomes e apelidos: a Vicepresidenta Salgado, que aprobou a fusión no Ministerio de Economía, MAFO, que a bendixo no Banco de España, os responsables do FROP… todos, en fin, familiares políticos da súa señoría Caride. Certamente, o PSOE rubalcabiano, como Eneas cargando coa pesada herdanza de ZP Anquises, ten un problema non para ser alternativa, que tardará moito en selo, senón para facer unha oposición crible. Porque trátase de credibilidade.
 
O discurso de Caride, máis agresivo na forma que no fondo, denunciou os nove meses de atraso e negativas por parte do PP, “nove meses de inutilidade deste Parlamento”, burlado ata o extremo de que o presunto delincuente Gayoso –xa o dixo a Fiscalía Anticorrupción-, compareceu antes nas Cortes de Madrid que no Hórreo. Simplemente insultante.
 
Acertou tamén a parlamentaria socialista ao esixir a famosa auditoría de KPMG, que custou un millón de euros ao erario público galego e Feijóo oculta no forro do Codex Calixtino. Ou no forro, directamente. “Que a traia esta mesma tarde –pediu Caride- estamos dispostos para traballar todo o mes de agosto”. Vaia, parece que algúns se van facendo “normais”: xa hai deputados e ata xuíces dispostos a traballar incluso todo o mes de agosto, como facemos millóns de cidadáns. Ten mérito a cousa: ¿dámoslles unha medalla, un pin, unha rúa co seu nome?
 
Pedro Puy, que raramente perde a compostura, pinchado por unha bancada faltona, chamou as falcatruadas polo seu nome (“estafa” ás preferentes, “escándalo” ás indemnizacións dos conserxes Méndez e Pego) e explicou que as cousas levan o seu tempo: “a Mesa do Parlamento dará os pasiños un tras outro, non se apure, a súa Señoría”, veu dicirlle, sabendo todos os presentes que si hai adianto electoral a comisión será flor dun día. E si as eleccións son en maio, hai tempo dabondo para que a Comisión peche a súa “investigación” concluíndo que Salgado, MAFO e Pepe Blanco foron, como todos sabemos, as mans que meceron o berce da fusión fría, aínda que a MAFO e a Abel Caballero facíalles máis ilusión casar a Caixa Galicia cos cataláns e regalarlle Caixanova a Bankia, ou ao revés: si sae con barba, San Antón, e si non, a Purísima Concepción. De modo que, menos sofocos, señorías, “que hai fotos para todos, e uns van saír máis guapos que outros”, concluíu Puy pulcramente e sen saírse do guión.
 
Orde e progreso
 
En canto ao BNG, Aymerich daría un bo presidente de Parlamento na próxima lexislatura: “Orde, orde”, pediu varias veces á bancada faltona (antes a do PSOE e agora a do PP). “Orde e progreso”, proclamou, invocando a bandeira brasileira. “Grazas pola súa axuda, pero xa me encargo eu”, retruncoulle  amablemente a presidenta Pilar Rojo, farta de pelexar con tantos maleducados e maleducadas. “Por favor, señora Sestayo, ¿pódese falar?”, clamou desesperada.
 
Pero foi o nacionalista Aymerich quen puxo as cousas no seu sitio, citando o famoso “Memorándum” do rescate: “Póñanse como se poñan, a decisión sobre a liquidación ou non de Novagalicia Banco non a vai a tomar Feijóo, nin Rajoy, non nos vendan a moto. O futuro de Novagalicia Banco decídese fóra, está xa en mans da Troika, dos homes de negro. Ata Castellano díxollo aos traballadores: a partir de setembro, o que diga Europa”.
 
En conclusión: a Comisión de Investigación creada é inútil por tardía e extemporánea. As responsabilidades penais dos conserxes Gayoso, Varela, Pego, Gorriarán, Méndez, Moreda (o último en dimitir polo de agora) e outros convidados de pedra están xa en mans da Fiscalía e a Audiencia Nacional, de modo que, ¡tarde piaches! As responsabilidades políticas están repartidas entre PP e PSOE: uns botaron terra enriba e outros pagaron o enterro. E todos eles meteron a man nas caixas.
 
Nestas circunstancias, a reencarnación da Obra Social de Novacaixagalicia nunha fundación é un capricho de Goya: Saturno Gayoso devorou aos seus fillos e non queda un céntimo para iso que seguen chamando “obra social”. Mellor sería deixarse de fundacións decimonónicas, pasar esta páxina sinistra dunha vez por todas, emancipar a cultura do proteccionismo bancario, que os bancos se adiquen limpamente (si é posible) ao seu obxecto social, os artistas ao seu, e as Irmás da Caridade ao de todos.
 
Torpemente unha vez máis, o Parlamento Galego debatía hoxe si a fundación das Caixas liquidadas, a súa obra social e o seu Padroado debían ser así ou asá, cando o único debate de fondo necesario é encarar a supresión desa cloaca. Claro que, si eles non o fan, xa se encargará a Troika. @Tornarratos.