Quintana quere dialogar pero Touriño, non

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, está disposto a sentarse co líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, para falar de máis cousas que a economía, pero o presidente galego non quere saber nada da oferta do líder popular, que considera como unha trampa electoral...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 10/10/2008

Quintana ve de xeito positivo a disposición de Feijóo ao diálogo pero non quere que esa oferta sexa un brinde ao sol e poida ser utilizada por éste como un arma electoral. Por iso, o líder do BNG podería contestarlle que está disposto a dialogar con el, pero sempre e cando se aborde a situación económica dentro dos parámetros parlamentarios, tanto na Cámara galega sobre a lei de Orzamentos, como no Congreso cos Presupuestos Generales del Estado. Ademais, Quintana tamén vincularía esta situación coa necesidade de que Galicia se dote de ferramentas e políticas económicas propias, un tema que entroncaría coa necesidade de aprobar un novo Estatuto, negociacións que no seu día non chegaron a bo porto, precisamente, polo veto popular.

En todo caso, as intencións de Quintana de aceptar ese diálogo dependen da vontade de Touriño de entablar negociacións con Feijóo, algo ao que non está disposto o presidente galego e que xa deixou claro ao seu socio de goberno. Para Touriño, a oferta de Feijóo é unha excusa para deixar en evidencia ao Goberno galego e para utilizala como arma electoral.

Tanto socialistas como nacionalistas non queren que esta circunstancia arruine o bo momento polo que atravesan logo da escenificación de unidade que Touriño e Quintana fixeron duran do Debate do Estado da Autonomía e que pactaron en setembro despois dun verán de tensións entre as dúas formacións do bipartito.