Por Galicia Confidencial | Galicia | 18/03/2009
A presidenta deste colectivo, Gloria Lago, convocou aos medios de comunicación en Vigo para comunicar que vixiará "atentamente" as promesas electorais do PPdeG en materia lingüística para que acabe coa "imposición" do galego e para que se elimine o "adoctrinamiento" no ensino.
Ademais, insistiu en que sexan os pais os que decidan a lingua na que se escolarizan os seus fillos e asegurou que este modelo é o mesmo que se aplica noutros países europeos. "Non vexo motivos para pensar que os políticos galegos non vaian ser capaces de facelo tamén aquí", apuntou.
Tamén anunciou a súa intención de entablar conversas co PSdeG e mostrouse favorable as manifestacións de diferentes dirixentes deste partido que aseguraron que a lingua foi un elemento desmobilizador do seu electorado.
As advertencias desta plataforma chegan despois de que a Mesa dera a coñecer un informe sobre a perda de falantes de galego e ante as diferentes posturas que existen no PP sobre a futura política lingüística. E é que o propio Feijóo matizou nos últimos días a súas primeiras manifestacións sobre que sexan os pais quenes escollan a lingua dos fillos. Un sistema que de aplicarse literalmente, segundo algúns asesores populares, provocaría unha división dos alumnos e crearía "apatheiths lingüísticos". Por iso, este partido baralla diferentes alternativas a esa promesa electoral que non pasen pola segregación lingüística.