O Defensor del Pueblo investigará a actuación do Valedor

O Defensor del Pueblo iniciará as "investigacións pertinentes" para dar resposta a unha queixa presentada por un particular sobre as actuacións do Valedor do Pobo durante a súa intervención no Parlamento galego para presentar o informe anual da institución.

Por Galicia Confidencial | | 10/04/2010

Segundo publica o blog morrocantando, o Defensor del Pueblo acaba de contestarlle a unha queixa sobre as actuacións do Valedor do Pobo, Benigno López, no Parlamento. "Resulta que onte chegoume un aviso do "Defensor", dicindo que xa recibiu a miña queixa e que vai empezar as investigacións pertinentes para poder darme unha resposta", apunta.

No seu escrito, o blogueiro denunciaba a actitude que López mantivo no Parlamento galego cando, apelando a unha suposta "liberdade lingüística" criticou aos grupos da oposición. "No es una de las funciones del Defensor del Pueblo, segundo viene referido en la ley, supervisar las actuaciones de los grupos políticos sean parlamentarios o no y que por lo tanto considero que desde este organismo se deben tomar las medidas necesarias para que esta institución, que está por encima de las personas, garantice una plena neutralidad en sus actuaciones y declaraciones y no se extralimite en sus actuaciones", apunta o escrito presentado ante o Defensor del Pueblo.

"Opiniones personales"

Neste escrito tamén se denuncia que López emitiu "opiniones personales, algo incompatible con su función de tutela de los derechos individuales y colectivos emanados del Estatuto de Autonomía, en especial, los sancionados en su título preliminar y de los derechos y principios rectores que emanan del título preliminar del Estatuto de Autonomía de Galicia".

Na súa resposta, a institución que preside Enrique Múgica resposta que "empezará las investigaciones pertinentes para poder darle respuesta"."É intolerable que a miña queixa ao Defensor xa teña como resultado o principio dun procedemento administrativo e que aínda non teña coñecemento de si a miña queixa ao Valedor vai ser admitida ou non", apunta o autor da protesta que tamén se dirixiu a López para protestar pola súa actitude.

Mellor o Defensor

Por iso, asegura que o Defensor del Pueblo "está máis preto dos problemas dos galegos" que o Valedor. "Non podo deixar de pensar que o Defensor del Pueblo é unha persoa que respecta o seu propio cargo, unha persoa honrada e xusta, que traballa con obxectividade… E do mesmo xeito non podo deixar de pensar nos polos opostos do imán e ao mesmo tempo non quero falar do que empezo a opinar do Valedor do Pobo (galego?)", conclúe.