O Yago convértese nun "espazo cultural libre"

Os novos ocupantes queren convertelo nun símbolo da cultura libre, logo do peche da Sala Nasa. A acción está apoiada por Acampada Obradoiro. As cámaras de Tingalaranga estiveron no interior do cine, que abre despois de catro anos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/11/2011

Nova elaborada por Jorge M. de la Calle 

Este venres, a sala Yago saíu do letargo en que a sumiran a especulación urbanística e a neglixencia das administracións, e amenceu con outra cara, renovada, e aberta á cidadanía de Compostela:“liberada”, en verbas do movemento 15M. Cartaces como “Reapertura Sala Iago: Espazo Cultural Liberado”, “Okupa e Resiste”, e “Votes a quen votes, a Banca gana”, penduraban dos balcóns do emblemático espazo do corazón histórico de Santiago, en plena rúa do Vilar, que fora durante sete anos escenario de representacións teatrais e proxeccións cinematográficas. Un grupo de persoas irrompeu na madrugada do venres na  Sala Yago, en Compostela. Sobre as 4.00 a.m., varios activistas entraron no emblemático inmoble, que levaba abandoado dende o 30 de xuño de 2007.

No comunicado lanzado o venres pola tarde, anuncian a reapertura da sala como un espazo cultural libre e de "compromiso social”. "Fronte á cultura uniformizada e allea, que pretende educarnos na docilidade e no consumo... defendemos unha cultura libre e de balde mediante a participación activa: propoñamos, creemos, critiquemos, escollamos, compartamos”. Este comunicado tamén denuncia a suposta especulación urbanística que se quere facer co edificio. “Fronte á decisión do concello e propietarios de deixar que a Sala Iago siga a caer para conseguir así unha nova catalogación  urbanística que permita a especulación inmobiliaria”, os activistas okupantes da Sala Yago queren “a recuperación non só do espazo como tal, senón da súa historia e uso de valor social a través de actuacións de monicreques, proxeccións e representacións previstas para esta fin de semana”.

Unha acción que pretende revitalizar espazos culturais que nos últimos anos foron pechando, como a propia Sala Yago, a Galán ou a Nasa, fronte á ironía dunha Cidade da Cultura nas aforas e unha cidade sen cultura a carón de nós”. Por iso, reivindican “a acción directa como ferramenta de loita e transformación”.

Este venres celebraron xa un comedor “libre de sufrimento animal” e unha asemblea para debater a nova situación da sala, que congregou a un centenar de persoas no interior, entre as butacas do vello cine. Na porta había xa un aviso: “Nin Policías nin Xornalistas”, mais tamén unha invitación a entrar, para todo aquel que se sumase a título persoal: “Para entrar petade forte na porta”. Os indignados e indignadas okupantes queren evitar problemas pola “manipulación da prensa” ou porque se empregue a súa imaxe para identificalos de cara á policía ou posibles xuízos, polo que está prohibido gravar dentro. Unha situación que respectou ás cámaras de Tingalaranga que estiveron tanto dentro como fora do Cine Yago recollendo as opinión da xente.

Un movemento global

A imaxe do que está sucedendo en cidades como Madrid ou Barcelona, onde dende o 15 de outubro estanse okupando diversos espazos para devolverlles o seu uso habitual, ou para darlles unha vivenda a familias desaloxadas, unha parte do movemento 15M, que polo momento conta co apoio “oficial” deste, decidiu entrar nesta sala, que estaba pechada dende hai catro anos e medio. De feito, desde #acampadaobradoiro, “apoian esta iniciativa” e “convidan a todas aquelas persoas que queiran achegarse ata ela a título persoal”.

Xa hai toda unha programación de actividades para a fin de semana, que comezou o venres cos devanditos comedor e asemblea, e seguiron cun obradoiro de “defensa lexislativa” e despois o libre visionado de filmes e documentais como “A Corporación” durante toda a noite. Seguiron o sábado e o domingo con monicreques, xogos, xantares, debates, concertos, cine-fórum, e actuacións teatrais, aos que está invitada toda a cidadanía, e que se poden consultar cos seus horarios aproximados premendo aquí.

Segundo unha profesora de teatro, asistente á asemblea, “aínda hai moito que organizar. A principal preocupación é o desaloxo e as posibles consecuencias legais. Toda aquela persoa ou grupo que queira utiliza-lo escenario, poderá facelo. O importante é ter actividade toda a fin de semana”, informou nas redes sociais.

Pechada desde o 2007

A Sala Yago pechou as súas portas por última vez o 30 de xuño de 2007. Unha sentencia xudicial obrigaba a clausurar o espazo definitivamente aos xestores do local nos últimos meses, Títeres Cachirulo e a compañía residente Teatro do Noroeste, ante a negativa dos seus propietarios a alugalo e facer unha oferta de venda asequible para os inquilinos. A sala nacera a partir do Cine Yago, cuxa empresa alugou a sala en 1999 a Jorge Rey, director de Títeres Cachirulo, para espectáculos de monicreques. No ano 2002 sumouse á iniciativa de recuperar a Sala Yago a compañía teatral e de ciclos cinematográficos Teatro do Noroeste, dirixido por Eduardo Alonso e Luma Gómez. A empresa coa que tiñan o contrato de aluguer os xestores da Yago quebrou, e os donos do edificio non quixeron suscribir un acordo. Nos últimos catro anos dous xuízos déronlles a razón aos arrendatarios, mentres que o terceiro se resolveu a favor dos demandantes e propietarios do edificio, a familia Carrero López. Os concelleiros de Cultura de Compostela desexaron a recuperación da sala para actividades culturais, mais atopáronse coa negativa dos donos.

O alcalde de Santiago, o “popular” Gerardo Conde Roa, xa anunciou a intención de botar aos okupas o antes posible. O político conservador tachou a acción de “mera anécdota preeleitoral” e asegurou que xa “esperaba” algo así antes do 20N: “Me temo que estos dos días que nos quedan, hoy y mañana (por onte e hoxe), hasta la jornada electoral, van a depararnos muchos acontecimientos de estas características”, declarou. O alcalde non quere “darlles publicidade” aos activistas, e dixo ter comezado os trámites para botalos. Tamén recordou, enfronte da sala, ata onde se desprazou para recibir aos xornalistas, que “o inmoble é propiedade privada” e que, até o momento, non se produciu ningunha denuncia da familia que o posúe, polo que non se pode intervir para o seu desaloxo. Porén, espera que a denuncia se produza “proximamente” para proceder ao desaloxo do edificio, que indicou que “se atopa en mal estado”. Un familiar dos donos do edificio trasladouse ata o lugar para falar con Conde Roa, quen lle aconsellou “axilizar a presentación da oportuna denuncia”, para evitar que “o conflicto se enquiste”. "Estábamos sobre aviso en algunos casos de que había ciertos movimientos", asegurou Conde Roa, e engadiu  que: "a partir de ahora, no nos vamos a preocupar de darle publicidad, y de tenerles más en cuenta que de producir el desalojo cuanto antes".

Numerosas persoas, amais dunha parella da Policía Local, congregáronse curiosas ao longo do venres ante a fachada do Yago.E o sábado estiveron todo o día as portas abertas, entrando e saíndo xente de todas as idades e condicións, mesmo familias, que se achegaron para ver o cine por dentro. Resulta curioso ver despois de cinco anos e de balde as butacas dispostas en círculo ao modo asembleario (é como se atoparon ao entraren), o gran palco superior, ou as tripas do cine por dentro, co seu gran cinematógrafo e bobinas de celuloide, así como trípticos de obras e carteis dende 1999 ata agora. Dende os balcóns tense unha moi boa vista dos tellados de Santiago, coas torres do Obradoiro de fondo. Pola súa banda, o interior atópase en non moi bo estado debido á inacción dos donos. Carteis como “Non tocar”, “A Sala é de todos”, ou “Non fumar. Material Inflamable”, xunto á vixiancia, instan aos visitantes a coidar o espazo. Unha faixa alusiva á  “Cidade da Cultura” e ao concepto de cultura mercantilista preside o espazo de butacas, onde se reúne todo aquel que queira participar nos faladoiros. E detrás, na trastenda, faise garda, inventario das necesidades, e xestiónase a relación cos medios. Hai luz eléctrica, as portas están completamente abertas, e mesmo no exterior invítase á cidadanía a entrar e participar con cartaces como “Queres construír a realidade? Entra e constrúe”.

A historia do Yago

O cine ou sala Yago (segundo as etapas) chegou a convertirse nun dos centros culturais máis emblemáticos da vida de Santiago durante 50 anos. As orixes da Sala Yago remóntanse a 1946, cando deixaba de ser a sede de Correos e abría as súas portas como sala de cine a cargo da empresa Gesto Nieto, que tamén xestionaba 'Capitol', outro dos grandes cines de Santiago. O declive dos grandes cines acabou coa renovación en 1998 desta sala, e tras unha transformación física, desembocou nunha nova etapa, en 2002, con Títeres Cachirulo e Teatro do Noroeste. En 2003 gañou o 'Premio especial Max' a Mellor Teatro Alternativo, xunto coa Sala Galán e Sala Nasa (ambas desaparecidas, que o rexeitaron), e Teatro do Noroeste convertiuse na súa compañía residente.  O proxecto de espazo escénico consolidárase en cinco anos a través dunha intensa e extensa programación, con 667 días de programación de monicreques, 738 de representacións teatrais e 310 de cinema, cuns 60.000 espectadores.  O 27 de xuño de 2007 celebrábase a última das funcións, cunha gran festa presentada por Ricardo de Barreiro, e actuacións para todas as idades. As compañías Teatro do Noroeste e Títeres Cachirulo, xestores da sala, quixeron así agradecer a colaboradores e espectadores a súa fidelidade e o seu apoio durante cinco anos. A sentenza dictada  polo xuíz permitía aos propietarios do inmoble da rúa do Vilar recuperar o edificio o 10 de xullo de 2007 e imposibilitaba a compra por parte dos inquilinos, segundo explicou no seu momento Luma Gómez, quen adiantou que as compañías Teatro do Noroeste e Títeres Cachirulo trasladarían o material de iluminación, sonido, ordenadores e demais equipamento da sala a un almacén para poder entregarlle as chaves do local ao seu propietario antes da data marcada, aínda que o proxecto non se poría en marcha en ningún outro sitio, xa que "estaba moi vencellado ao espazo e só ten sentido neste edificio".

 Máis información sobre o peche da Sala Iago en 2007  e fotos .