A compra social, ou compra 2.0, é un dos fenómenos que máis está a crecer nas grandes urbes do globo. Basicamente, trátase de aproveitar as vantaxes das redes sociais e do comercio electrónico para lograr prezos máis baratos comprando varias unidades.
Por Galicia Confidencial | Santiago | 06/12/2011
Estes clubes de compra colectiva naceron inicialmente ligados ás marcas de luxo como, por exemplo, os norteamericano Gilt Group. Sen embargo, hoxe en día abranguen produtos de marca pero menos elitistas. Un bo exemplo é Buyvip, propiedade de Amazon, ou a española Ofertix.
"O máis fermoso de Galicia" máis barato e en galego
Agora nace a primeira plataforma galega adicada a ofrecer descontos en Galicia mediante compras colectivas. Chámase Buydeal, está feita 100% no país, e busca "ofrecer o máis fermoso de Galicia" con descontos de até o 70%. Por exemplo, agora mesmo pódese mercar ou agasallar un xantar a base de cocido galego ou noites en casas rurais con importantes descontos.
Ademais, este portal destaca que tenta "ensinar Galicia como o vería un galego, recomendando eses recunchos tan fermosos". "Sacamos unha nova oferta cada día en cada unha das cidades que pode ser de casas rurais, beleza, ocio, tempo libre, etc" indican os socios deste club de compra, que é ademais o primeiro lanzado en galego.