Como consolidou Fraga a súa maioría en Galicia

As eleccións autonómicas de 1989 supuxeron a chegada de Manuel Fraga á presidencia da Xunta de Galicia. Naqueles comicios autonómico produciuse unha anomalía no voto da emigración censada en Ourense e apareceron milleiros de papeletas do Partido Popular.

Por Horacio Vixande | Vigo | 11/02/2012

A chegada desa casa de correos foi o que lle permitiu ao PP facerse con oito escanos na circunscrición de Ourense e alcanzar a maioría absoluta no Parlamento galego, sumando en total 38 deputados dos 75 que compoñen a cámara. O voto dos residentes ausentes en Ourense nesas eleccións comportouse forma completamente diferente á rexistrada noutras provincias e noutros comicios. Porén, a forza que perdeu o escano, o PSdeG-PSOE, renunciou a recorrer ante os tribunais e Fraga fíxose coa maioría absoluta dos escanos. Sinálase a Felipe González como a persoa que tomou esa decisión para poder apartar a Fraga de Madrid e facilitar a transición dentro da dereita española.

Manuel Fraga gobernou Galicia durante 15 anos, máis a consolidación da súa hexemonía non só se produciu grazas á anomalía estatística que lle reportou un escano de máis nas eleccións de 1989. Durante a súa primeira lexislatura, en decembro de 1992, promulgou a Lei 15/1992, que modificaba  a Lei 8/1985 de eleccións na Comunidade autónoma galega. Nesa modificación introduciu unha limitación dos cinco por cento dos votos válidos emitidos ás candidaturas que podían acceder ao Parlamento, cando esa porcentaxe esta situada no 3%.

Precisamente nas anteriores eleccións, dous partidos, Esquerda Galega e Coalición Galega, superaran o 3% dos votos pero non chegaran ao 5%, aínda que si conseguiran dous escanos cada unha. Con ese teito electoral, Esquerda Galega, que concorreu en coalición con Esquerda Unida, non conseguiu representación en 1993, aínda que si superou o 3% dos votos. CG, pola súa banda, sufriu un desastre electoral e o PP alcanzou 43 escanos, cinco por riba da maioría absoluta, o que lle permitiu consolidar a súa posición hexemónica en Galicia.

Unha peza publicada no medio colaborador O Cartafol, o mensual en galego para o ipad e outras tabletas.