A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) publica unha biografía, non autorizada, sobre o “Camarada Fraga”, que inclúe os servizos prestados á ditadura franquista durante 25 anos e unha ampla relación das vítimas da represión entre 1969 e 1981.
Por Galicia Confidencial | A Coruña | 28/02/2012
Segundo a CRMH, Manuel Fraga era coñecido entre os franquistas como “Camarada Fraga”, tal e como recollía o Decreto 154/1961, de 2 de febrero. “A propuesta del Ministro Secretario General del Movimiento, cesa el camarada Manuel Fraga Iribarne en el cargo de Delegado Nacional de Asociaciones de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, agradeciéndole los servicios prestados”, recolle este decreto asinado por Francisco Franco e publicado no BOE de 9 de febreiro de 1961.
O folleto publicado polo CRMH, que se pode consultar na súa páxina web, aborda distintos temas como as investigación da xustiza arxentina dos crimes do franquismo, datos biográficos de Fraga, a súa presenza no consello de ministros “participando na represión”, opinións de xente da cultura e testemuñas dalgunhas vítimas da represión franquista.
Fraga e Castelao
Tamén se fala do “galeguismo” de Fraga e da prohibición da difusión do Sempre en Galicia de Castelao, así como da multa gobernativa e pena de prisión a Alberto Míguez pola publicación de ‘El Pensamiento político de Castelao’. “Fraga sempre manifestou que estaba orgulloso do seu pasado fascista, dos seus servizos ao franquismo e nunca condenou a ditadura”, apuntan desde o CRMH.
Esta asociación felicita aos partidos políticos de Cambre que rexeitaron no Pleno da corporación municipal unha proposta do PP para dedicar unha rúa a Fraga.