Os albores do Negro

A novela detectivesca e de misterio é a proposta desta semana de X.M. Eyré. Da man da editorial Hugin e Munin publicouse ao galego o segundo título do polifacético autor e xornalista Edgar Wallace, autor, entre outros, do primeiro guión de King-Kong.

Por Xosé M. Eyré | Vigo | 23/08/2012 | Actualizada ás 11:11

Comparte esta noticia

Edwar Wallace
Edwar Wallace | Fonte: edwargallace.org

Autor: Edgar Wallace / Traduce: Alejandro Tobar

Editorial. Hugin e Munin

Hugin e Munin son dous corvos que viaxan polo mundo para traer, a  Odín, as novidades que nel se sucedan. Hugin e Munin tamén é unha editorial galega, que periodicamente visita os fogares dos galegos que se subcriban a esta inciativa editorial, orientada preferentemente ás literaturas ás literaturas inglesa, francesa, nórdica e as minorizadas. E que agora nos presenta dous títulos ben diferentes: a arqueoloxía xenérica negra de Angel Esquire (Edgar Wallace), do que nos ocuparemos hoxe, e a delicatessem do Locus Solus de Raymond Roussel.

Edgar Wallace ( 1875-1932), é considerado un dos pais da novela detectivesca, de novela de misterio, do tamén chamado estilo thriller; Angel Esquire ( 1908) é o segundo título dentro deste tipo de narrativa, pois o polifacético autor do primeiro guión de  King-Kong tamén foi poeta, xornalista, director de cine, articulista, dramaturgo…Home habituado a moverse tanto entre primeiros ministros como entre delincuentes, do seu maxín fantasioso e investigador brotou un enorme caudal de historias, moitas das cales coñecen versión cinematográfica. O cal é ben lóxico, pois as súas obras, e tamén esta pioneira novela que hoxe tratamos, están escritas desde unha óptica cinematográfica salientábel, por algo o autor é un dos pais da chamada das historias de suspenso vetixinosas, desas que atrapan ao lector/espectador e só o soltan co efecto final. En realidade Angel Esquire está fondamente marcada por este tipo de escrita. Un narrador omnisciente domina toda o discurso e dispón os elementos narrativos de tal xeito que envolvan o lector/espectador na atmosfera trepidante da trama, una trama onde o máis seguro é que bada sexa o que parece ou como parece.

En Angel Esquire, cando o vello Reale morre deixa unha fortuna que será para aquel que descifre un enigma, que serve como chave da caixa forte, e que se presenta en versos criptográficos que lembran moito as charadas ou adiviñas, pasatempos aos que tan afeccionados foron franceses e ingleses. Entón, entre os herdeiros sobrevén unha disputa, no medio da cal se acha Angel Esquire, membro de Scotland Yard onde conta cun difuso status mais de probada intelixencia. Entre eles está Jimmy, un nobre de baixa categoría, ladrón de profesión, amigo de Esquire, que nunca exerce violencia e que namorará de Kathleen, moza desvalida, cuxo pai fora fora “prexudicado” economicamente polo vello Reale, e tamén Connor, un perigoso delincuente. A mágoa é que todas as personaxes están en mans dese narrador omnisciente, e este non lles deixa espazo a se realizaren e deixaren toda a complexidade dramática que levan dentro, só son bonecos nas súas mans, unha mágoa porque tanto Jimmy, como Kathleen ou o vello Reale eran personxes moi atraentes, carácterísticas dunha época colonialista afeita aos ambientes exóticos ( aquí, e por exemplo, Exipto) e cazadores de fortunas. Téñase en conta que a novela publicouse hai máis de 100 anos, 1908, e iso nótase; antes cen anos non eran nada, hoxe son un mundo, ben se pode dicir que esta é unha lectura de arqueoloxía xenérica.

Outro aspecto que non se debe pasar por alto son os comentarios que o Edgar Wallace verque sobre aspectos sociais da época, neste caso Londres, que teñen a virtude de lembrar ese  narrador omnisciente ademais de conferir ao texto a frescura de puzadas enxeñosas (ás veces humorísticas), formalmente breves, breves e case sempre preciosas á hora de caracterizar a época e os ambientes.

Eis, pois, nos albores do xénero negro, unha curiosa novela que xunta características do xénero detectivesco, do negro e tamén do de aventuras e misterio, moi á moda do momento, que agradecerán aqueles amantes do xénero e procuren as xoias que iniciaron o  movemento. Só unha chata hai que poñer a esta meritoria versión en galego, é que ben precisaba outra máis corrección antes de ser editada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta