Testemuño e culpa na crónica da xeración perdida

'As rapazas de Xan' é a aposta literaria de X.M. Eyré desta semana, unha novela de Manuel Iglesias Turnes que representa de xeito moi realista a sociedade rural do medio seculo pasado en Galicia.

Por Xosé M. Eyré | Vigo | 04/09/2012 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

Mnauel Iglesias Turnes
Mnauel Iglesias Turnes | Fonte: Xerais

Autor: Manuel Iglesias Turnes

Editorial: Xerais

A novela que hoxe lles presentamos é unha desas sorpresas lectoras que todos os anos agardan nos trinques das librarías. O  nome do seu autor, Manuel Iglesias Turnes, non é moi coñecido fóra do Val de Barcala ( primeiro presidente da Asociación Cultural Afonso Eans) ou do círculo de interesados na mellora da raza de gando frisón da variedae Holstein, e trátase da súa primeira achega á literatura de nós; tamén iso constitúe un plus de ledicia á hora de encetar a lectura, porén cando máis significa ese plus é no remate da lectura da novela. Pola súa banda, e vaia como caracterización inicial, As rapazas de Xan pode ser lida como unha novela memorialista, que o é, por todos aqueles que viviron/vivimos aquel tempo sen esperanza do franquismo medular, e como un documento que achega, de xeito veraz e ameno, o tipo de sociedade da que é herdeira esta que vivimos agora, e que para quen non a viviu debe ser de obrigado coñecemento. Aínda que só sexa por unha cuestión de xustiza, xa que hoxe, 2012, perviven e maniféstanse vontades interesadas en que todo quel tempo sexa esquecido. Todo aquel tempo de fame, de miseria económica e social e moral, de ditadura feroz cun ríxido control social capaz das infamias máis vegoñentas…todo quel tempo que fixo posíbel o Golpe de Estado con que Franco derrubou o estado democrático e lexítimo que rexía a vida dos españois e galegos. Por iso, precisamente por iso e xa que todo o que dicimos se acha figurando parte da novela, As rapazas de Xan, leámolo como o leamos non podemos deixar de lelo sen lle ver denuncia, testemuño de acusación. Non. O contrario sería efectuar lectura pasiva, covarde, lexitimadora daquela sociedade descaradamente inxusta onde só a compoñente humana, por veces, era salvábel; o contrario sería aliñarse con aqueles que nos levaron a tal situación.

En boa maneira, As rapazas de Xan, é unha novela que quere ser, e é coral, de xeito que a sociedade rural do medio seculo pasado estea cabalmente representada. Velaí entón que nela atopamos propietarios de vello, labregos ricos, como é o Varela, afeitos a que sempre se faga a súa vontade de señoritos e que non toleran que isto se lles conteste; e ao seu carón a familia de Manuel, que seguramente accedeu á propiedade da terra logo da redención de foros, son pequenos propietarios; por tras aínda están os caseiros e os pobres de pedir, os mendicantes que non teñen nada. Fican, aínda, dúas figuras que non poderían ser esquecidas: o médico e o cura, que tamén teñen o seu oco, os dous como intolerantes axentes castelanizadores, e o segundo tamén como servil instrumentos dos ricos que é quen de propoñer e aconsellar cara á hipocrisía en lugar do amor, o humanismo e a xustuiza (divina e humana). Trátase, pois, dunha novela con moitas personaxes, as necesarias para representar narrativamente unha sociedade complexa, de representala con ansia de verismo, coa certidume de que nin autor ni narrador houberon culpa de que as cousas así foran, coa certidume de que a xente tratou de facer as cousas o mellor que puido e soubo, mais tamén coa certidume de que houbo interesados en que aquel tempo fora así de inxusto e sen esperanza, coa conciencia tranquila mais sen esquecer.

Falamos, pois, dunha novela realista, escrita, por certo, desde unha riqueza léxica moi salientábel que testemuña o perfecto coñecento tanto da realidade humana como do medio en que se desenvolve. Que é nucleada por unha historia central, a de Manuel e Carmela; Carmela, emabarazada e abandonada polo seu mozo, causa: Carmela é pobre; Manuel: namorado en segredo de Carmela, superpón o seu amor ao infortunado estado de Carmela, naquel tempo, cando un fillo de solteira é condenación para os restos. Quizá a personaxe de Carmela sexa un chisco ideal demais ( radiante, valente, sincera), mais no medio de tantas outras tan variadas ben disimula, porque un aspecto absolutamente salientábel da novela é a variedade de caracteres humanos que as personaxes representan, vivificadas desde uns diálgos ricos, áxiles, fotografías lingüísticas da alma, da actitude e da clase social. Malia poderen ser vistas, tantas personaxes, tamén como un obstáculo na lectura, son moitas casas, é moita a xente de cada casa, varios núcleos de poboación, ás veces a aparición das personaxe é breve, a caracterización das personaxes tamén é breve, como consecuencia as relacións entre as personaxes son múlptiples e ás veces non todo o claras que deberan.

De malla a malla, un ano, ese é o tempo en que transcorre a historia que no alamanaque se sitúa a mediados da década dos 50, case vinte anos despois do Golpe de Estado franquista. Unha historia tráxica, contada polo xeral en capítulos breves, na que a única humanidade se observa nas personaxes máis marxinadas, máis condenadas, habitantes dun tempo e dunha sociedade sen esperanza que as aboca á emigración como única saída para escapar da miseria, miseria moral, miseria social, miseria cultural, miseria política en que uns moitos teñen que vivir par que uns poucos sigan no poder.Novela, ás veces de redacción un chisco descoidada, dun realismo acusador que non precisa máis que simple exposición dos feitos para erguerse en testemuño doído e acusador.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Spidercan

Lereina.

1 Lois

De acordo, pero eu tamén destacaría a enorme tenrura que destila a novela e que te obriga a non deixar a lectura até o final.