Por Europa Press / Redacción | MADRID | 26/03/2020 | Actualizada ás 13:18
Extremoduro difundiron este xoves un comunicado no que aseguran que agora mesmo non saben "que vai pasar coa xira" de despedida que teñen previsto iniciar en Valencia o 15 de maio e dentro da cal tamén programaron unha cita en Santiago de Compostela, o 13 de xuño.
"Queremos dicirvos que non temos nin puta idea de que vai pasar coa xira. O único que sabemos con absoluta certeza é que nós imos tocar. En maio, no verán, en setembro, o ano que vén ou cando sexa. Pero imos tocar por collóns", afirma o grupo nun comunicado recollido por Europa Press.
E engaden: "Nós estamos encerrados en casa e ensaiando con gravacións que temos feitas dos ensaios. Tocando máis que nunca e esperando que todo se arranxe pronto. Quedade na casiña e tentade levalo o mellor posible. Tentade ver o lado bo. Sempre o hai. Bicos e abrazos".
Este comunicado de Extremoduro chega horas despois de que o Concello de Rivas Vaciamadrid, onde teñen previstos catro concertos en xuño e xullo ante 150.000 persoas, anunciase que apraza ata setembro calquera tipo de acto e festividade que supoña reunión de persoas.
Á parte dos concertos en Rivas, a xira de Extremoduro ten datas tamén o 15 e 16 de maio no Auditorio Marina Sur de Valencia, o 22 e 23 de maio en La Finca de Murcia, o 30 de maio no Estadio de La Cartuja de Sevilla, o 13 de xuño en Monte do Gozo de Santiago de Compostela, o 20 de xuño no Recinto Feiral de Cáceres, o 26 e 27 de xuño no Parc del Fórum de Barcelona e o 18 de xullo en Kobetamendi, Bilbao.
O recinto compostelán de Monte do Gozo ten programado para o mes de xuño outras citas multitudinarias, como o festival O Son do Camiño --os días 18, 19 e 20-- ou o concerto de Marc Anthony --o 21 de xuño-- que, polo momento, non foron aprazados a causa do coronavirus.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.