Traxedia rural sarda

'Elias Portolu' é un dos títulos senlleiros de Grazia Deledda, premio Nobel de Literatura en 1926, unha novela de tensións entre a relixiosidade cristiá e a pervivencia de ritos pagáns e que reborda unha poética que pervive ata os nosos días. Crónica de Xosé Manuel Eyré.

Por Xosé M. Eyré | Vigo | 15/01/2013 | Actualizada ás 10:45

Comparte esta noticia

Título: Elias Portolu

Grazia Deledda
Grazia Deledda | Fonte: cirsaronno.it

Editorial: Hugin e Munin

María Grazia Cosima Deledda Cambosu (1871-1936), Premio Nobel de Literatura 1926, é autora de difícil catalogación, sendo, esta Elias Portolu, un vértice desde o que é posíbel ollar as diferentes influencias que na autora se teñan exercido. Caso de crer nelas. Porque a conclusión máis probábel é a de Grazia Deledda é dona dunha poética propia onde tales influencias se manifestan, si, mais só como panos de fondo, como paisaxe enxergábel ou marco do cadro. E de todas elas a primeira é o romanticismo, expresado, na novela que nos ocupa, polo apelo ás tradicións populares sardas e pola concepción da paisaxe, sen caer no folclorismo, un romanticismo que os biógarfos tenden xa a observar no carácter da autora. Ao que non é alleo a temática amorosa, e ao que lle resulta próximo o tema de relixiosidade, para entendernos rapidamente, expresada nuns termos equiparábeis a La Regenta (1884,Leopoldo Alas “Clarín”). 

Dicimos para entendernos rapidamente, pois raro será que quen lea esta traxedia sarda non a teña como antecedente no cal contrastar esta lectura, pois nas dúas están presentes o mundo relixioso en conflito coas relacións afectivas intersexuais humanas. Porén o prisma non ficaría completo sen mentar o decadentismo, presente aquí,  ao amosar unha sociedade rural, previa ao maquinismo que caracterizará o século XX, pechada, asentada en valores ancestrais que se manifestan nunhas actitudes e personaxes que aos ollos de hoxe aparecen como tales se ben no momento da publicación terían unha compoñente máis realista. O cal nos permite introducir outra das posíbeis influencias na autora: o verismo, non o naturalismo ao Zola, senón unha reivindicación máis ao Giovanni Verga, de fondo realista, baseada na experiencia e na observación da vida, como resposta tanto ao neoclasicismo como ao romaticismo.

Polo medio de todas esas influencias, Grazia Deledda, fura unha poética propia que fai que a súa obra perviva ao paso do tempo con personalidade propia e non fique ancorada, atada, ao nicho dun determinado momento histórico. E ben pode dicirse que esta Elias Portolu, un dos títulos senlleiros desta autora, é unha novela de tensións. Tensión entre a relixiosidade cristiá e a pervivencia de ritos pagáns, como “as palabras verdes” que aínda son usadas con función augur. Tensións como a que invitabelmente se produce entre o sentimento de culpa de Elías ( por namorar da que será cuñada súa) e o goce pleno das regalías do amor.

A novela conta como Elías Portolu, ao saír do cárcere en que ingresou da man de malas compañías, se namora da que vai ser cuñada súa ao casar con Pietro, un dos seus irmáns. Isto xenera un tremendo debate interno no coitado do Elías, serlle fiel ao irmán equivale a verse privado do seu amor e tamén a ser consecuente coa fe cristiá. Dous serán os conselleiros e confidentes de Elías, o cura e mais o tío (chámanlle tío a calquera parente) Martinu, que ofrecerán dúas opostas solucións ao dilema, a propia do paganismo, pragmática e sabia, e a relixiosa e cristiá. A partir de aí a trama quizá se volve un tanto predicíbel, o cal achega á lectura un arume a fatuum que se incrementa seundo se le, porén a grande e pormenorizada análise que Grazia Deledda fai do proceso de culpa, cos matices correspondentes a cada estadio, así como as preciosas e moi atentas descricións da natureza, fan que a lectura non perda absolutamente ningún interese senón todo o contrario pois descricións e fatuum amosan unha aliaxe moi poderosa. E tempo hai, boa parte da novela transcorre nun perído de tempo próximo ao ano, de xeito que a natureza muda e tamén os costumes e tradicións que irán aparecendo no texo, desde a esquila na “tanca” (especie de chousa onde se practicaba o pastoreo), ao antroido ou festas populares, tradicións que, sobre todo nos ollos de hoxe e ollos galegos, presentan un atractivo máis para a lectura ao podermos comparar dúas sociedades rurais.

Como é de agardar, o papel da muller non é tan complexo como o do home, limitándose a ser pouco máis que tentación, mentres que o estudo psicolóxico da personalidade de Elías é moitísimo máis fondo. Particularmente de Elías, pois o resto de personaxes masculinas non gozan da mesma profundidade. O cal, tratándose dunha autora, é aspecto moi a ter en conta, nesta historia que rapidamente se instala no drama e que desembocará na agardada traxedia. Durante boa parte da novela, a trama desenvólvese mentres paira sobre ela un fatuum, un destino tráxico do que non se alonxan as personaxes senón que cada vez se van adentrando máis nel. Porén isto non quere dicir que o desenlace se volva previsíbel, pois ancontece ben o contrario.

Eis, en fin, unha lectura pola que non pasou o tempo, senón que co seu paso foi colleitando novas ópticas desde a que gozala. Unha oportunidade de primeira para adentrarnos na cultura da Sardeña, nas súas paisaxes, tipos humanos e tradicións, da man dunha trama ben estruturada e levada con acerto, de xeito que a lectura non perda interese nunca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Manolo2

¿Sardeña? Eso no existe o ya estáis deturpando topónimos ajenos. En italiano es Sardegna, en sardo es Sardigna o Sardinnia.

1 ManoIo2

Lo que existe, en cambio, es la chorra del niño de Baltar. Voy corriendo a sujetársela que tiene ganas de mear. Ciao!

2 Lo-lo

A ver, Manolo, ti sabes como se pronuncia "Sardegna"?, ou tes o oído deturpado?