Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2020 | Actualizada ás 11:12
O colexio plurilingüe Calasancio de Pontevedra reabriu "con total normalidade" este luns as súas portas aos alumnos de 1º e 2º de Educación primaria, despois de que hai unha semana fora o primeiro centro de Galicia en pechar tras detectarse oito positivos por coronavirus no seu persoal.
Segundo confirmaron a Europa Press fontes do colexio, o reinicio da actividade presencial produciuse "sen ningún problema e sen ningunha incidencia" ás 8,45 horas da mañá, cando os dous cursos entraron nas súas aulas por circuítos diferentes.
O pasado venres, o propio centro emitiu un comunicado ás familias no que informaba de que, tras recibir a autorización das xefaturas territoriais das consellerías de Educación e Sanidade, retomaría este luns o seu plan de reincorporación á actividade presencial "seguindo as indicacións" das autoridades.
En concreto, 1º e 2º de Educación primaria foron os primeiros en volver ás aulas este luns. O resto farao de forma graduada: 3º, 4º e 5º de Primaria, este martes; 5º e 6º de Educación Infantil, o mércores; 6º de Primaria, o xoves; e 3º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), o venres. Xa a próxima semana, os últimos en reincorporarse serán os alumnos de 4º da ESO, que o farán o luns 28 de setembro; e 1º e 2º tamén da ESO, o martes 29.
PECHE TRAS 8 POSITIVOS
O centro anunciou que pechaba as súas instalacións o pasado 14 de setembro tras detectarse oito casos de COVID-19 entre o persoal. As probas serolóxicas realizadas a todo o profesorado antes do inicio do curso deran positivo, pero dous docentes empezaron a desenvolver síntomas compatibles coa enfermidade ao día seguinte.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.