A fábrica de roupa promovida pola Xunta e Inditex, o "boom do eucalipto definitivo" para Galicia

Adega advirte de que, en dez anos, Galicia podería estar abeirando o millón de hectáreas plantadas desta árbore.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2020 | Actualizada ás 08:30

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia vén de anunciar o seu apoio á multinacional Inditex, imperio de Amancio Ortega, para poñer en marcha unha fábrica de roupa a partir de fibras téxtiles que substitúan as sintéticas, coa dotación de fondos europeos de recuperación Next Generation para a produción de viscosa. A raíz deste anuncio, dende asociacións ecoloxistas como Adega denuncian que este protexto "reincide unha vez máis nunha das maiores lacras ambientais do país: a eucaliptización dos montes galegos".

Plantación de eucaliptos
Plantación de eucaliptos | Fonte: AXM

De feito, consideran que esta podería supoñer a "expansión definitiva" do eucalipto en Galicia, incluso a zonas ata agora menos permeables como a comarca do Deza, o sur e as serras orientais de Lugo ou toda a provincia de Ourense. Tal e como indican nun comunicado aos medios, "á versión Eucalipto 1.0, impulsada por Ence, agora súmase a versión Eucalipto 2.0 patrocinada por Greenalia para produción de enerxía a partir de biomasa, e a versión Eucalipto 3.0, auspiciada por Inditex para a produción de pasta “dissolving” (viscosa)". Todo isto, baixo a etiqueta da "sustentabilidade" e da "economía circular".

Segundo datos da propia Xunta, máis do 60% da madeira que se produce en Galicia é de eucalipto, unha especie que, a pesar de estar cualificada como exótica e invasora polo Comité Científico do Ministerio de Transición Ecolóxica, xa supera a día de hoxe o medio millón de hectáreas ocupadas no territorio. Con todo, a Xunta segue "presentando a proliferación do monocultivo de eucalipto como liña “estratéxica” para o desenvolvemento futuro do país, alternativa para a saída da crise e, curiosamente, como instrumento de

loita contra o cambio climático", denuncia Adega a través dun comunicado.

Este "proxecto estrela" anunciado pola Xunta implicaría en gran medida incremento da produción desta árbore, unha actuación que contradí o obxectivo expresado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de reducir nun 5% a superficie ocupada por eucalipto de aquí a 2040. "Todo apunta a que a intención do goberno galego é a de promover un novo boom do eucalipto", denuncia Adega, que advirte dos "impactos ambientais que supón a produción de viscosa", xa que precisa de procesos químicos altamente contaminantes e dunha inxente cantidade de auga.

O EUCALIPTO: "EIXO" DA POLÍTICA DA XUNTA

Máis alá das expectativas de Inditex coa viscosa de eucalipto, Adega lembra tamén "os obxectivos de empresas amigas do actual goberno autonómico ligadas ao sector forestal, como Greenalia ou Ence". E é que empresa da ex-conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, prevé alimentar a súa macroplanta de biomasa de Teixeiro, non só con restos de madeira de eucalipto, senón tamén con cultivos enerxéticos "que se acadarían a costa de ocupar grandes superficies de terreo agrario, bosques caducifolios ou espazos naturais de grande valor", explica Adega.

Pola súa banda, Ence tamén impulsa a ocupación de novas superficies para a produción de enerxía a partir de biomasa. Á vista destes movementos, Adega indica que "as apostas de futuro que está a anunciar a Xunta de Galicia no sector forestal teñen como eixo central a promoción desta especie exótica e invasora, que agora se pretende promover en calquera recuncho do país". 

Desta maneira, de saíren adiante as expectativas destes "lobbys empresarias", Adega calcula que poderiamos chegar a abeirar en 2030 o "millón de hectáreas ocupadas polo eucalipto", un "400% máis dos límites marcados para ese ano polo vixente Plano Forestal". A asociación ecoloxista critica, entón, o "servilismo" da Administración galega e os intentos de "coar" o eucalipto como "elemento estratéxico da transición ecolóxica" malia que esta especie "non contribúe a mitigar o quecemento global, senón todo o contrario".

"De non mediar un drástico cambio estrutural na política forestal do país, asistiremos á eliminación de calquera alternativa forestal e de produción sostible no monte galego que poida aspirar a fixar poboación no rural e a compatibilizar a rendibilidade do monte con fórmulas de xestión do territorio máis ecolóxicas", sentenzan dende Adefa finalmente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Valdoviño

Para adega é moi facil: a meirande parte deles son funcionarios, xente das universidades, etc e cobran duro a fin de mes, pero os que temos terrenos e temos que sair a buscalo prantamos o que demanda o mercado. Os propietarios queremos decidir o que cultivamos nos nosos terreos, porque os nosos antepasados pasaron fame para que os tivésemos.

1 ZxqP

É outra fábrica de célulosa, pero con máis tratamentos e máis contaminación. Hai todo un plan de eucaliptización detrás.