Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/07/2021 | Actualizada ás 18:29
A portavoz nacional do BNG, Ana Ponton, marcouse como reto "sumar máis apoio social" para a súa formación un ano despois das eleccións autonómicas celebradas o 12 de xullo de 2020, data na que as urnas converteron ao Bloque na "alternativa" ao Goberno do PP.
Acompañada polos integrantes do seu grupo parlamentario, Pontón destacou que hai un ano os galegos deron ao BNG "a responsabilidade de ser a forza que lidera a oposición a un Partido Popular cada vez máis lonxe da realidade do país, mentres se agudizan os problemas como o envellecemento da poboación, a emigración da xente nova, a crise industrial ou os recortes nos servizos públicos".
Nunha intervención na que describiu ao PP como un partido "cada vez máis centralista" que mira polo retrovisor do "discurso racista, xenófobo e antigalego da extrema dereita", puxo en valor o "traballo intenso" do BNG á hora de defender "unha alternativa ao PP e facer de contrapeso ás decisións que van contra os intereses do país".
Todo iso, "sendo referentes de moitos galegos e galegas e pondo no centro do debate as cuestións que importan para mellorar a vida da xente: sanidade, políticas públicas, reclamar unha Galicia máis forte e con máis autogoberno", destacou.
OPOSICIÓN "CONTUNDENTE" E "CONSTRUTIVA"
Así, en contraposición a un Goberno de Feijóo que "non achega solucións aos problemas", sinalou que o BNG actuou de "contrapeso", facendo unha oposición "contundente na crítica pero construtiva, que formula alternativas e propostas". "A cada crítica, unha proposta", recalcou para sinalar que a súa formación "soubo ler o momento excepcional da pandemia, e responder as expectativas dunha cidadanía que pedía altura de miras".
"Un ano liderando a alternativa ao PP", no que, segundo dixo, a súa formación centrou o seu traballo no Parlamento na defensa da sanidade pública, con propostas como un plan de reforzo da atención primaria de 200 millóns de euros, así como "cambiar o modelo privatizador das residencias por unha alternativa na que se deixe de facer negocio coa vellez".
No ámbito económico, Pontón subliñou que o Bloque se "deixou a pel" en evitar que "os únicos recursos extraordinarios para saír da crise" --en referencia aos Next Generation-- acaben en frustración, apostando por sentar as bases dunha economía verde, desde a ciencia e a investigación, para que eses fondos cheguen ás pemes e aos sectores produtivos e xeren o emprego capaz de frear a sangría da emigración.
"O PP vai noutra dirección, a de que un puño de grandes empresas acaben levando a parte do león ao que suma a súa incapacidade para evitar a centralización da repartición deses fondos", criticou a portavoz nacional.
Pontón tamén puxo o foco na defensa dos dereitos e as liberdades, empezando pola igualdade real nos dereitos das mulleres. Así, citou como "mostra" diso as dúas leis impulsadas pola formación nacionalista que serán aprobadas no último pleno deste período de sesións, en referencia á lei para acabar coa discriminación que sofren as científicas cando son nais e a lei para que a violencia vicaria sexa recoñecida como unha forma de violencia de xénero.
Por último, referiuse a a defensa de Galicia ante o Goberno do Estado, tanto no Congreso como no Parlamento, unha acción que cualificou de "prioritaria" para acabar coa discriminación na que "se alternan PP e PSOE".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.