Gerardo Seoane:“o festival, ao igual que o Entroido, axuda a situar Verín no mapa”

Así se pronunciou o mandatario local no acto de clausura da VI edición do festival de curtas FIC Vía XIV. Carlos Montero, director do certame, destacou o duro traballo da organización que foi quen de levar “a maxia do cinema a todos e a todas”.

Por X.M. Fernández | Verín | 16/09/2021 | Actualizada ás 21:53

Comparte esta noticia

“O FIC Vía XIV xa é un referente que traspasa fronteiras”. Así o asegurou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, no acto de clausura da VI edición do festival de curtas, no que tamén reflexións importantes como que “o festival, ao igual que o Entroido, axuda a situar Verín no mapa” e que tamén “axuda a conformar o pensamento crítico”.

Gerardo Seoane na gala de clausura da VI edición do FIC Vía XIV. Foto: Prensa Concello de Verín
Gerardo Seoane na gala de clausura da VI edición do FIC Vía XIV. Foto: Prensa Concello de Verín

Gerardo Seoane: “O FIC Vía XIV xa é un referente que traspasa fronteiras”

Pola súa banda, o director do FIC Vía XIV, Carlos Montero, destacou o duro traballo da organización durante toda a semana para levar “a maxia do cinema a todos e a todas”. “En tempos de pandemia é máis importante manterse que medrar”, indicou Montero, quen tamén salientou que “este ano o FIC acadou novos fitos salientables coma, por exemplo, o feito de que por vez primeira se puideron seguir as sesións oficiais de xeito online a través da plataforma festhome”.

Carlos Montero: “En tempos de pandemia é máis importante manterse que medrar”

CURTAMETRAXES PREMIADAS

Na gala de clausura da VI edición do FIC Vía XIV, presentada por Arantxa Treus o pasado 11 de setembro, outorgáronse os premios ás mellores curtas en cada categoría.

Gala de clausura da VI edición do FIC Vía XIV. Foto: Prensa Concello de Verín
Gala de clausura da VI edición do FIC Vía XIV. Foto: Prensa Concello de Verín

Así, a curta francesa “A propósito de Lanzarote en general”, de Vincent Trincon, gañou na categoría Outra Mirada. Xunto a isto, “Aniksha”, de Vincent Toi (Canadá) resultou gañadora en Horizontes e “Reality” do lucense David Fidalgo fíxoo en “A Raia”. A mellor curta na categoría Nova foi para “Forastera” da española Lucía Aleñar e o Premio Especial do Público recoñeceu o traballo con selo estadounidense “The Letter Room” de Elvira Lind.

Finalmente, o Premio Numax á distribución, que permitirá aos filmes premiados ser exhibidos nesta sala compostelá, foi ex aequo para a cinta mexicana "Al motociclista no le cabe la felicidad en el traje", de Gabriel Arrera, e para "Elo", unha coprodución franco-portuguesa, de Alexandra Ramires.

APOIO ECONÓMICO DO CONCELLO

No último pleno municipal celebrado no Concello de Verín, aprobouse por 11 votos a favor (7 PSdeG-PSOE e 4 BNG) e 4 abstencións (Partido Popular), o convenio de colaboración entre o Concello de Verín e a Asociación Cultural Audiovisual Vía XIV que establece as bases para a realización do FIC Verín (Festival Internacional de Curtas de Verín).

A finalidade deste evento non é outra que difundir a cultura cinematográfica e pór en valor o patrimonio cultural, etnográfico e musical, tan material como inmaterial do val de Monterrei.

Coa validación do devendito convenio, o ente municipal outorga unha cooperación financeira de 40.000 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta