Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2022 | Actualizada ás 19:42
O BNG rexistrou no Congreso iniciativas para pedir ao Goberno que rectifique e permita a concentración solicitada pola Mesa pola Normalización Lingüística o próximo 29 de setembro na ponte da Toxa, no municipio pontevedrés do Grove, en defensa do topónimo oficial da Toxa durante o Foro La Toja.
Se non rectifican, asegurou o deputado do BNG, Néstor Rego, o Goberno estaría a empregar "argumentos políticos para impedir a presenza de movementos sociais" durante a celebración do Foro. "A prohibición parece máis fundada en argumentos políticos que xurídicos e no interese de impedir a presenza de movementos sociais en defensa da normalización da lingua galega", afirmou Rego.
Así mesmo, o BNG defendeu que o argumento da Subdelegación do Goberno en Pontevedra de que a concentración podería "afectar á orde pública" e á "seguridade de persoas e bens", coincidindo coa apertura deste evento a cargo do rei Felipe V, entre outras autoridades, "non se sostén".
Segundo os nacionalistas, poderíase propor un cambio de itinerario e, por exemplo, "marcar a ocupación de só un carril para garantir o acceso ao evento e á illa para o resto de residentes". "Parece sorprendente que o Goberno español no canto de preocuparse porque se respecte a legalidade, neste caso, da toponimia galega, o que faga sexa atacar e vulnerar dereitos fundamentais como o de manifestación ou expresión", remarcou o deputado do BNG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.