Un erro, dous puntos

O Lugo empata 1-1 contra un Valladolid con dez por mor dun penalti por man de Iriome a cinco minutos do final. Quinta xornada sen perder dos lucenses, que suman 22 puntos, pero terceira igualada consecutiva.

Por gcdeportes | Lugo | 29/11/2015 | Actualizada ás 16:57

Comparte esta noticia

Ficha técnica
CD Lugo 1:
Xose Xoan; Pau Cendrós, Israel Puerto, Dealbert, Manu; Seoane, Carlos Pita (David López, 85'), Iriome, Sergio Marcos (Abel Molinero, 61'), Jonathan Pereira e Pablo Caballero (Joselu, 54').
Real Valladolid 1: Kepa; Chica, Juanpe, Hermoso (Guzmán, 80'), Ángel; Álvaro Rubio, Timor, Juan Villar, Óscar González (Alfaro, 73'), Mojica e Diego Rubio (Tiba, 54').
Goles: 1-0: Joselu (minuto 63). 1-1: Guzmán, de penalti (minuto 85).
Árbitro: Trujillo Suárez (canario). Expulsou o valisoletano Mojica no minuto 50 por dobre cartón. Amarelas a Dealbert (minuto 68), Joselu (76'), Iriome (85') e Jonathan Pereira (88') no Lugo e a Álvaro Rubio (75') e Hermoso (76') no Valladolid.
Incidencias: partido da 15ª xornada da Segunda División no estadio Anxo Carro ante 3.772 espectadores, con xeada e unha temperatura cercana aos cero grados.

O árbitro amosa tarxeta amarela a Iriome tras sinalar o penalti.
O árbitro amosa tarxeta amarela a Iriome tras sinalar o penalti. | Fonte: lfp.es

Contra un rival con dez e 1-0 no marcador, o Lugo non pechou o partido cando tiña que facelo e unha xogada desafortunada, un penalti por man de Iriome que se queixou dun empurrón do rival, supuxo o empate a cinco minutos do final, sen tempo para a reacción. O Lugo perdeu unha oportunidade inmellorábel de poñerse a só dous puntos do líder, e sumou un novo empate, o sétimo da Liga e o terceiro consecutivo, para manterse na parte alta da táboa, xa con 22 puntos.

Entrou mellor no partido o Valladolid, que presionaba a saída dos lucenses e circulaba ben o balón para achegarse á área rival. Xose Xoan tivo traballo arreo nos primeiros minutos, sobre todo para evitar o gol visitante nun man a man con Juan Villar xa no minuto 5. Con cada perda de balón dos de Luis Milla, sufría perigo a meta lucense. Tiveron varias chegadas os visitantes nos primeiros 20 minutos, como un centro-chute de Mojica que rozou o pau e ao que non chegou Diego Rubio, pero Xose Xoan solventou as outras con seguridade.

A primeira aproximación lucense non chegou ata o minuto 25, cando un pase de Sergio Marcos ás costas da defensa pucelana foi rematada ao fondo da rede por Caballero, pero o árbitro anulou o gol por fóra de xogo. Xa levaba o Valladolid oito remates á porta de Xose Xoan. No minuto 31, Jonathan Pereira probou a Kepa, pero coa dereita o remate non foi moi preciso.
Pasada a media hora, o Valladolid baixou a súa presión e o Lugo comezou a ter o balón e pisar campo contrario. A mellor ocasión lucense partiu dun pase de Carlos Pita, que acabou nun centro de Iriome que se paseou pola área rival e ao que non chegou Pablo Caballero. Tempo de lecer con 0-0 no marcador.

Nada máis principiar o segundo tempo, o Valladolid quedou con dez pola expulsión de Mojica por un agarrón no mediocampo. Luis Milla meteu a Joselu por Caballero e a Abel Molinero por Sergio Marcos, e os lucenses pasaron a controlar o partido. Nun centro de Molinero, Joselu, coa testa, marcou o 1-0. Coa dirección de Carlos Pita, chegaron os mellores minutos lucenses. No minuto 70, un centro de Pau Cendrós foise pechando e acabou petando no longueiro. A un centro con moito perigo de Seoane non chegaron nin Jonathan Pereira nin Iriome.

O balón pasa por debaixo de Xose Xoan no que foi o empate do Valladolid.
O balón pasa por debaixo de Xose Xoan no que foi o empate do Valladolid. | Fonte: lfp.es

O partido fíxose máis trabado, con moitas interrupcións, e o Valladolid semellaba incapaz de marcar. Foi nunha xogada a balón parado, nun córner dende a esquerda, que Iriome tocou coa man nun salto desequilibrado. O tinerfeño, que ven de renovar co Lugo ata 2018, queixouse dun empurrón por detrás. Pero o árbitro sinalou o penalti, e Guzmán fixo o empate por debaixo do corpo de Xose Xoan, que adiviñou o lanzamento. Luis Milla meteu a David López por Pita, e o Lugo apurou as xogadas, pero non quedaba tempo para a reacción. E o Lugo foise coa sensación de perder dous puntos que o terían colocado a tiro do liderado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta