Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/02/2016 | Actualizada ás 10:00
O Grupo Voz segue sendo o medio máis mimado por Alberto Núñez Feijóo. A Xunta que dirixe volveulle conceder o pasado 18 de xaneiro outros 70.000 euros para a “elaboración e difusión no xornal La Voz de Galicia de actuacións divulgativas relacionadas con temas e acción de emprego e formación da Dirección Xeral de Emprego e Formación”.
Unha axuda que, sumadas ás recibidas nos últimos tres meses, fan deste grupo de comunicación o que máis recibe, con diferencia, de todos os de Galicia. E é que, só naqueles convenios ou axudas contabilizadas por Galicia Confidencial –faltan aínda outras subvencións e convenios non publicados--, percibiu xa máis de 1,3 millóns de euros dos bulsos de todos os galegos.
Así, hai uns días este medio publicaba que a Corporación Voz de Galicia levaba 148.265 euros por outro convenio de colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar para promover campañas informativas de concienciación e sensibilización social contra os incendios forestais. Tamén, e do mesmo departamento, recibiu 72.500 euros para desenvolver campañas de promoción da calidade do leite galego.
A final de ano tamén se fixo público o que a Consellería de Cultura lle deu a este medio para “potenciar o uso do galego”, só nos últimos seis meses do ano. En total, 149.500 euros, tres veces máis do que recibiron en todo o 2015 os medios exclusivos en lingua galega.
Por outra banda, tamén a Secretaría Xeral de Comunicación facía pública o listado das “axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión”. En total, o Grupo Voz levou en 2015 709.891 euros; La Voz de Galicia, S.A. (681.901,96) e Voz de Galicia Radio, S.L.U (27.990,08).
En novembro, eran 225.000 euros máis da Consellería de Economía; 125.000 euros para falar da potencialidade de Santiago aos propios santiagueses e 120.000 euros para a “divulgación de información relacionada coa investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+I) en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.