O lucense José Durán, substituto de Luis Milla

O CD Lugo anuncia que o ata de agora técnico do xuvenil de División de Honra dirixirá o primeiro equipo ata final de tempada. Durán, de 41 anos, xa foi adestrador en Terceira na tempada 2003-04.

Por gcdeportes | Lugo | 25/02/2016 | Actualizada ás 08:45

Comparte esta noticia

No canto de Luis Milla, un home da casa. José Antonio Durán Rivas, de 41 anos, ata o de agora adestrador do equipo de División de Honra xuvenil, será o técnico do primeiro equipo ata final de tempada trala dimisión do técnico turolense. O club que preside Tino Saqués anunciou o nome do novo técnico apenas unhas horas despois de anunciar a marcha de Milla. Durán (Lugo, 29 de xuño de 1974) xa foi técnico do primeiro equipo na tempada 2003-2004 en Terceira, cando tamén substituiu a Quique Prado. Será presentado este xoves ás 19.00 horas no estadio Anxo Carro e dirixirá o CD Lugo na vindeira cita de Liga, o domingo na Romareda contra o Zaragoza.

Durán, que tamén foi adestrador do Foz e preparador físico do Ensino, suma xa máis de dez anos integrado na estrutura do CD Lugo, primeiro como futbolista e despois como adestrador en varias categorías, e podería contar co tamén lucense Manolo Mandiá como axudante.

Luis Milla e Luis Cembranos, no banco lucense.
Luis Milla e Luis Cembranos, no banco lucense. | Fonte: @CDeportivoLugo

A dimisión sorpresa

Mércores pola noite e por sorpresa. O Club Deportivo Lugo anunciou a dimisión de Luis Milla como adestrador por, segundo a nota oficial, “motivos persoais”. O club aceptou a marcha do técnico turolense, quen chegou como referente do proxecto de Tino Saqués, cun contrato de tres anos, e para facer esquecer a longa etapa de Quique Setién.

Así o anunciaron nun comunicado exiguo, e conxunto, club e técnico. “O CD Lugo agradece a Luis Milla o esforzo realizado ao longo da tempada e deséxalle o maior dos éxitos para o futuro. Luis Milla agradece ao club a súa acollida e o trato dispensado, desexándolle os maiores éxitos deportivos”, recolle o comunicado. Algúns medios especulan con que a decisión obedece á mala relación co director deportivo, Toni Otero, pero ninguén agardaba a nova.

Luis Milla deixou o Lugo con 36 puntos na 12ª posición da táboa de Segunda División, a catro puntos do play-off de ascenso e con dez de vantaxe respecto aos postos de descenso. Co técnico turolense, ex-xogador de Real Madrid e Barcelona e ex-seleccionador de España sub-21, o Lugo firmou a súa mellor primeira volta na división de prata, malia que a afección amósase dividida sobre o rendemento do equipo. Aínda por riba, o equipo lucense acumula máis de dous meses sen gañar no Anxo Carro, e unha parte da afección lembrouse do seu antecesor no cargo nas recentes derrotas ante Mirandés (1-4) e Leganés (1-2).

Luis Milla, no derradeiro partido como adestrador do Lugo no Anxo Carro.
Luis Milla, no derradeiro partido como adestrador do Lugo no Anxo Carro. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta