O “novo” atraso económico de Galicia

Novamente os datos económicos veñen a confirmar o estado da economía Galega e a fuga de empresas cara outras comunidades e cara o estranxeiro. O último informe do Foro Económico de Galicia, que dirixe o ex presidente da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe, e que conta cun prestixioso número de recoñecidos economistas galegos, ven de alertar fuxida de empresas en Galicia que no último ano, acadaron a cifra de 154 empresas que marcharon de Galicia cara outras comunidades como Madrid, Valencia, Andalucía ou Catalunya, pero tamén cara o país veciño de Portugal.

Por Iván Vaqueiro | O Porriño | 10/03/2016

Comparte esta noticia

Un feito no que podemos constatar a mala xestión do solo industrial en Galicia que primeiro se desenvolveu sen planificación algunha, chegando ao paroxismo de polígonos industriais baleiros en moitos concellos galegos, propiciados por uns Xestures provinciais politizados nos que primaban intereses localistas por riba dunha política industrial de país nun intre onde a burbulla inmobiliaria debullaba o país como un solar sen fin, ata o actual IGVS que só se dedica a vender primeiro, e agora a rebaixar o prezo do solo ante a xa evidente fuxida de empresas cara Portugal, deixando a promoción industrial no limbo dos xustos. Por non falar da inoperante acción de entes abstractos creados polas Deputacións e outros organismos como o IPESPO en Pontevedra, SEA, etc..., sen esquecer outras entidades estatais que operan tamén en Galicia, como Zona Franca ou o SEPES. Entidades todas que dispersaban a existencia dunha auténtica e coordinada política galega de xestión e promoción de solo industrial.

Durante anos, fomos testemuña de concellos que tiñan como prioridade absoluta a creación de polígonos industriais coma quen ten un campo de fútbol ou unha biblioteca, sen estratexia de desenvolvemento e especialización dos mesmos, e que co amparo da Xunta de Galicia, se converteron en polígonos mortos e agonizantes nos que se afundiron millóns de euros sen enfoque industrial mentres zonas nas que realmente era necesario crear polígonos, xurdían zonas industriais espontáneas (ZIES) que logo, anos despois, había que trasladar a novos polígonos ou transformar urbanísticamente espazos non sempre idóneos para seren polígonos dotados de servizos mínimos. Feito que o Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia aprobado no ano 2014 nin analizou, nin avaliou nin sequera valorou, obviando con elo calquera enfoque ou marco de colaboración cos ou entre os propios polígonos na procura de políticas de promoción e coordinación e colaboración en moitos aspectos comúns.

A constatación desta evidencia se atopa en que a Consellería de Economía e Industria, que leva a palabra “industria” no seu nome, non só non dispón dunha Dirección Xeral de Industria, senón que esta só ten o rango dunha subdirección xeral  (dentro da Dirección Xeral de Enerxía e Minas), a Subdirección Xeral de Administración Industrial, que non ten nas súas competencias mais que as axudar no mantemento de infraestruturas industriais e aspectos relacionados coa normativa aplicable en materia de administración industrial, seguridade industrial e metroloxía legal. É dicir, nin rastro de promoción industrial dos parques empresariais, nin de seguimento de políticas transversais de apoio aos parques, do entorno e necesidades dos mesmos como se contan con servizos de apoio, qué se fai coas zonas de uso público, se contan con garderías, boas comunicacións, etc...

A política de solo industrial da Xunta, centrada no IGVS e anteriormente dos Xestures, é a de poñer solo industrial á venda como calquera outro operador inmobiliario, e unha vez vendido, abandonar aos parques empresariais á súa sorte...Dá igual que queden baleiros, non teñan servizos, plans de emerxencias, nin entidades xestoras, etc..., o que denota un abandono absoluto da realidade dos parques empresariais galegos que non reciben apoio económico para promocionar o seu espazo e potencialidades.

Toda vez que salvo honrosas excepcións, como a do Consorcio da Zona Franca de Vigo no deseño e posta en marcha de varios polígonos no pasado ou recentemente do Polígono de Porto do Molle cun obxectivo dirixido a empresas innovadoras, os polígonos industriais carecen moitas veces de enfoques do seu obxectivo estratéxicos. ¿Por qué non un polígono cun obxectivo centrado en empresas do sector agroalimentario, pesqueiro, ou o polígono “lácteo”...? Ou o caso paradigmático de Tecnópole, impulsada polo propio Gonzalez Laxe na súa época de Presidente, que tivo a visión de crear un parque cun obxectivo estratéxico centrado na tecnoloxía e na I+D que hoxe é un exemplo na Galicia interior.

O futuro dos polígonos industriais pasa pola especialización e a xeración de sinerxías entre empresas con cadeas de valor similares e posibilidades de colaboración na procura de solucións innovadoras a problemas comúns e mesmo na colaboración no avance dun I+D+i sectorial conxunto para elevar a potencialidade do país. E para iso sería necesario que a Consellería de Economía e Industria se sentase a negociar cos axentes sociais como a CEG, a patronal de parques empresariais de Galicia, Fegape, e os sindicatos galego CCOO, UXT e CIG na definición de obxectivos, estratexias de promoción e políticas transversais para os parques empresariais galegos.

A dispersión e falla de especialización dos polígonos e un IGAPE desesperadamente lento e con escaso marxe de financiamento e cun enfoque centrado só nas empresas e non nos espazos industriais amosa o inexacto e erróneo enfoque dunha economía ancorada no 80% do PIB europeo e que lonxe de converxer, diverxe do estado e da UE.

Esta incomprensible división de competencias entre a exigua Subdirección Xeral de Administración Industrial en canto aos seus fins, o IGVS e Xestur en canto a creación de solo, e o IGAPE en canto a inversión e apoio empresarial nos leva a constatar a inexistencia dunha clara política de creación e promoción industrial de Galicia.

O feito de que o actual conselleiro queira impulsar no aeródromo de As Rozas un hub aeroespacial centrado nos avións non tripulados é loable, pero é unha gota no océano de esquecemento dos parques empresariais, que dende o ano 2010, viron como as únicas liñas de axuda á súa xestión eliminaban calquera tipo de “promoción” no obxecto das mesmas, que se destinaba integramente a infraestruturas, é dicir, ladrillo e mantemento para as empresas de construción, pero pechaban a porta a calquera enfoque estratéxico de promoción dos propios polígonos e por ende, das propias políticas públicas autonómicas en xestión de solo.

Un futuro polo tanto, incerto, no que unha recuperación especialmente difusa, unha mala planificación da xeración e promoción de solo industrial e coa alongada sombra do perigo da crise china, non permiten albiscar de momento, un horizonte de converxencia e mellora da economía galega. É por tanto, urxente, non só apostar pola reindustrialización de Galicia, senón tamén, e como fase previa, por unha política pública coordinada de planeamento, desenvolvemento, promoción e coordinación de espazos industriais, sen a cal calquera esforzo que se faga en atraer empresas e proxectos industriais, será a medio prazo, insuficiente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Iván Vaqueiro Nicolás Iván Vaqueiro Gradín (O Porriño, 1977). Politólogo e Consultor, dirixe unha empresa de consultoría empresarial Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC É Diploma de Estudos Avanzados (DEA) de Doutoramento na Facultade de Ciencias Políticas e da Administración da USC no programa "Procesos Políticos Contemporáneos" Master en Dereito Urbanístico e Medioambiental pola Universidad de Vigo. Colaborador de varios medios de prensa e revistas galegas www.ivanvaqueiro.blogspot.com @ivanvaqueiro