A vontade de ser de Galicia

Estase a converter nun certo lugar común que a conciencia de país de Galicia iría en claro devalo. E que a desaparición fáctica da personalidade de seu de Galicia como pobo diferente sería cousa de poucas xeracións.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 20/03/2016

Comparte esta noticia

Comprendo  esa tese, porque existen elementos que permiten unha tal lectura. Mais permítanme, como optimista en proceso de reconversión, que vexa a botella medio chea. Na pasada finde publicouse unha sondaxe que reducía ao 17% a cidadanía galega partidaria da autodeterminación. Mais esa porcentaxe acadaba case o 39% (fronte a só un 43% de contrarios) na franxa de idade de 18 a 35 anos. Conciencia de noso en devalo? Tan pouca conciencia nacional non haberá cando Feijóo no 2009 o primeiro que fixo foi deturpar o proxecto das galescolas e suprimir a nosa selección nacional de fútbol.

Nas enquisas do CIS son bastante máis os que se confesan só galegos ou máis galegos ca españois que os que se confesan só españois ou máis españois ca galegos (estes dous grupos achéganse á irrelevancia, mentres son relativamente potentes noutros moitos territorios do Estado). Dous terzos da cidadanía galega confésanse tan galegos coma españois. Mais refugan maioritariamente do Estado centralista ou dos procesos de recentralización que tan ben consideran en Madrid, Murcia ou Extremadura. E amosánse sempre propicios a un meirande uso público e privado do galego, malia que non sexa,  por mor de variadas circunstancias, a lingua de uso normal de moitos que así acreditan.

Quere isto dicir que o galeguismo habería ler a xeito éstes e outros moitos dados e formular propostas máis horizontais e achegadas á realidade social. Propostas que integren non só aos convencidos, senón aos centos de milleiros de persoas que, sen se definir galeguistas, teñen Galicia como referente vital e tamén aos que usan o castelán respectando e querendo o galego. Propostas que fagan ver na cidadanía que os sectores estratéxicos da economía galega son prescindíbeis para o Estado. Que Galicia non é periférica no eixo Europa-América e que a nosa historia e o noso presente está cheo de historias de éxito que compre coñecer e reivindicar.

Formular este relato require arrombar prexuizos ideolóxicos e adoptar modos pragmáticos e aperturistas que a moitos renxerá. Mais se queremos que o galeguismo sexa útil non lles hai outro camiño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.