A Coruña, a mellor das bibliotecas universitarias en España

Un informe coloca a BUDC como referente na rede de universidades do Estado.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 24/03/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A Universidade da Coruña lidera xunto coa Universitat de les Illes Balears a clasificación das bibliotecas universitarias españolas, segundo un estudo que acaba de facerse público e que analiza a eficiencia das bibliotecas entre os anos 2008 e 2012. 

Biblioteca da Univesidade da Coruña
Biblioteca da Univesidade da Coruña | Fonte: UDC.

Os autores do informe son José Simón Martín e Alicia Arias Coello, ambos os dous da Universidad Complutense de Madrid, e Clara Simón Blas, da Universidad Rey Juan Carlos. O informe considera a biblioteca da UDC (BUDC) como a mellor no ámbito da eficiencia na súa xestión do persoal e pode ser considerada como referente, segundo informa a propia institución galega.

A misión da biblioteca da UDC é dar soporte á docencia, á aprendizaxe, á investigación e á formación integral do seu estudantado e profesorado en particular, e de todas as persoas en xeral. Para isto facilita o acceso e a difusión dos recursos de información, xestiona espazos, equipamentos e servizos, e colabora nos procesos de transformar a información en coñecemento. Desta forma, a biblioteca coruñesa aporta valor e contribúe ás funcións da universidade ao servizo da sociedade.

Os 103 bibliotecarios da BUDC atenden a 26.698 usuarios desde 17 puntos de servizo. Integran a colección da biblioteca 872.642 libros, 25.000 ebooks e 46.000 documentos noutros formatos, como mapas, microformas, DVD, etc.

A BUDC conta tamén con 9.000 revistas en papel e 21.974 en formato dixital, ademais de dar acceso a 49 bases de datos que cubren todas as disciplinas científicas. O horario xeral de atención ao público é de 08.30 h a 21.30 h, de luns a venres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta