O Pazo goza co COB

O equipo ourensán, que chegou a ter 35 puntos de vantaxe, arrasa o Lleida (84-69) e suma a cuarta vitoria consecutiva. Kapelan, máximo anotador tras cinco triplas. Palencia, Huesca e CB Prat, os tres partidos que restan para aspirar aos play-offs.

Por gcdeportes | Ourense | 24/03/2016 | Actualizada ás 08:42

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Ourense Provincia Termal 84
: Pedro Rivero(12), Jhornan Zamora (10), Jonathan Barreiro (14), Max Salash (2), Kyle Rowley (7) –cinco inicial- Rejón (8), Kapelan (16), Tomás Fernández (11), Ánder Martínez (0), Juan Ballesta (1), Martín Rodríguez (1) e Van Zijverden (2).
Força Lleida 69: Josep Pérez (14), Sutina (12), Sevillano (10), Khyle Marshall (6), Herun (10) -cinco inicial- José Simeón (0), Alzamora (0), Jorge García (9), Andújar (6) e Greven (2).
Parciais: 23-14, 24-11 (47-25), 23-16, 14-28 (84-69).
Incidencias: partido da 27ª xornada da LEB Oro no pazo Paco Paz ante arredor de 2.500 espectadores. Minuto de silencio polos atentados terroristas en Bruxelas.

Diego Kapelan, defendido por Greven, anotou 5 de 7 en triplas.
Diego Kapelan, defendido por Greven, anotou 5 de 7 en triplas. | Fonte: Carlos Domarco (COB)

Non deu ningunha opción o COB ao seu rival. Arrincou como unha moto e con cinco minutos xa gañaba de dez (15-5). Forte en defensa e con acerto en ataque, todo o contrario que Lleida, chegou a ter 35 puntos de vantaxe (64-29) no terceiro cuarto. O último cuarto deixouse ir e acabou gañando 84-69. A cuarta vitoria consecutiva para sumar xa trece, cos play-off a tiro, aínda que non será tarefa doada. Quédanlle tres partidos aos ourensáns: Huesca e Palencia a domicilio e CB Prat para pechar a Liga no pazo.

Un parcial de 7-0 de inicio e Lleida que tardou case tres minutos en anotar. COB dominaba o rebote e anotaba con facilidade, e Joaquín Prado, técnico visitante, parou o partido con 15-5. Só anotaba Sutina nos cataláns, e as triplas de Rivero e Barreiro puxeron máis 12 a Ourense. Ao final do primeiro tempo, 23-14.

De novo un parcial de 9-2 e COB dobraba no marcador a Lleida (32-16) cando Joaquín Prado volveu parar o partido. De nada serviu. Tomás Fernández e Kapelan anotaron senllas triplas e Ourense xa gañaba 40-16. Kapelan anotou a súa terceira tripla, pero a diferenza non medrou máis ata o descanso (47-25).

Se Lleida saía con intencións de remontar, COB acabou con elas axiña. Mesmo guión: parcial de 12-2 e Joaquín Prado que para o partido con 59-27, pero co partido xa decidido. A vantaxe chegou a máis 35 tras unha tripla de Jhornan Zamora (64-29), pero Josep Pérez anotou oito puntos consecutivos e o terceiro cuarto acabou con 70-41.

Os ourensáns celebran co seu público unha nova vitoria.
Os ourensáns celebran co seu público unha nova vitoria. | Fonte: Carlos Domarco (COB)

Diego Kapelan, que sería o máximo anotador con 16 puntos, anotou a súa cuarta tripla con tiro adicional incluído (76-47), e Ourense deu por rematado o seu traballo. Parcial de 0-9 visitante e tempo de Gonzalo García con 76-56. Kapelan anotou outra bomba pero o COB xa perdera a concentración. Ao final, 84-69.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta