Santiago suma a sétima

O equipo compostelán vence 2-5 a Burela na prórroga e gaña un novo título da Copa Galicia no Fontes do Sar. Igualou o 2-0 inicial dos mariñaos e sentenciou con tres goles no tempo extra. Este sábado, de novo Santiago-Burela en Liga.

Por gcdeportes | Compostela | 24/03/2016 | Actualizada ás 09:12

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Burela Pescados Rubén 2:
Edu, Isi, Chano, Carlitos e Chino -cinco inicial- Iago Míguez, Iago Rodríguez, Petry e Antoñito.
Santiago Futsal 5: Iker, Dani Montes, Hugo Sánchez, Pablo Mel e Diego Quintela -cinco inicial- Iván Rumbo, Antonio Diz, Pablo Tallón, Santi, Catela e Álex Diz.
Goles: 1-0: Iago Rodríguez (minuto 16). 2-0: Iago Míguez (minuto 18). 2-1: Dani Montes (21’). 2-2: Dani Montes (23’). 2-3: Dani Montes (43’). 2-4: Diego Quintela (43’). 2-5: Santi (44’).
Árbitros: Carreira Romero e Arca Branco. Amarelas a Carlitos e Chano polo Burela e a Iván Rumbo, Dani Montes e Diego Quintela no Santiago Futsal.
Incidencias: partido final da 25ª edición da Copa Galicia no multiusos Fontes do Sar ante preto de 2.000 espectadores.

Recompensa merecida para o Santiago Futsal nun curso difícil. Puido gañar calquera nos 40 minutos, con ocasións para os dous bandos e espectaculares os porteiros, pero non foi ata a prórroga que o Santiago Futsal se impuxo ao Burela (2-5) para sumar o seu sétimo título da Copa Galicia. Os mariñaos adiantáronse con goles de Iago Rodríguez e Iago Míguez no primeiro tempo; trala reanudación, Dani Montes empatou con dous goles en tres minutos para os composteláns. Sucedéronse as ocasións nas dúas portarías (Iker López detivo un dobre penalti a dous minutos do final), pero ninguén marcou. No tempo extra, Dani Montes fixo o 2-3 cun dobre-penalti e sentenciaron Diego Quintela e Santi. A sétima Copa para o Santiago Futsal; e segue sen estrearse o Burela.

Primeiros minutos de tanteo, cos dous equipos sen arriscar en exceso e tomándolle o pulso ao partido. Tardaron as primeiras ocasións en chegar, nun remate ao pau de Iago Míguez e un man a man de Diego Quintela que desbaratou Edu. Burela pediu tempo morto e obtivo recompensa con dous goles en tres minutos: Iago Rodríguez marcou o 0-1 nun rápido contrataque no minuto 16 e Iago Míguez o 0-2 no minuto 18.

Santiago Futsal saiu cunha marcha máis e Burela, sen concentración. Con só un minuto da reanudación, Dani Montes marcou o 1-2 cun chute imparable dentro da área. Dous minutos despois, de novo apareceu o pivote castelán para facer a igualada no minuto 23, aproveitando un balón que Catela deixou na área tras unha maxistral xogada individual.

Con 2-2, partido trepidante con perigo nas dúas portarías. Intercambio de ocasións, e os dous porteiros, Edu e Iker López, que se lucían coas súas intervencións. A madeira impediu no minuto 24 o gol de Iago Míguez e no 25, o sempre inspirado Edu evitou o gol de Álex Diz. O meta compostelán sacou outra man prodixiosa no 36 fronte a Iago Rodríguez. Edu tampouco fraqueou na defensa da rede laranxa ante Álex Diz (34’) e Pablo Tallón (38’). O porteiro madrileño do Santiago Futsal salvou o seu equipo tras deter o tiro de dobre penalti a só dous minutos do final, e salvou unha última ocasión de Petry sobre a bucina.

Prórroga para decidir o campión. Chegou entón a sexta falta de Burela, e Dani Montes fixo o terceiro para os composteláns dende os 10 metros. Era o 2-3, un gol que valía unha Copa. Daniel Ibañes apostou polo xogo de cinco, pero Diego Quintela e Santi aumentaron a conta dos composteláns para poñer o 2-5 definitivo. Tralo tropezo co Parrulo ferrolán a pasada campaña, os composteláns manteñen a súa hexemonía como rei de Copas co sétimo título.

Diego Quintela, capitán dos composteláns, recibe a copa de campións.
Diego Quintela, capitán dos composteláns, recibe a copa de campións. | Fonte: Santiago Futsal

Santiago Futsal celebra o sétimo título da Copa Galicia.
Santiago Futsal celebra o sétimo título da Copa Galicia. | Fonte: Santiago Futsal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta