O Peixe xa é de ouro

O Marín Peixegalego gaña 83-68 ao CB Morón e ascende á LEB Ouro a falla de dúas xornadas para o remate da Liga tras acadar a 11ª vitoria consecutiva. Javonte Green, con 24 puntos, e Álex Navajas, con 23, os máximos anotadores dos marinenes, que este ano tamén gañaron a Copa LEB Prata.

Por gcdeportes | Marín | 25/03/2016 | Actualizada ás 22:42

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Marín Peixe Galego 83:
Manu Ferreiro (5), Emilio Oubiña (0), Javonte Green (24), Álex Navajas (23), Antonio Pantín (10) –cinco titular- Norman Rey (6), Carlos Noguerol (15), Mbaye (0), Alexandre Fernández (0) e Saulo Sánchez (0).
CB Morón 68: Jesús Vargas (10), Michael Phillips (8), Javier Marín (11), Keshinro (9), Alejandro Marín (10) –cinco inicial- Chema Morales (14), Rufián (4), Sow (2), Juan Toledo (0) e Sánchez Daza (0).
Parciais: 33-17, 14-17 (47-34), 13-16, 23-18 (83-68)
Incidencias: partido da 24ª xornada da LEB Prata no pavillón da Raña con máis de 2.000 espectadores.

Os xogadores do Peixegalego celebran o ascenso coa afección.
Os xogadores do Peixegalego celebran o ascenso coa afección. | Fonte: Diego Torrado (pontevedraviva.com)

Espectacular e histórico Peixegalego. Cun pavillón da Raña ateigado, cun plantel tocado físicamente, á primeira oportunidade, Marín converteuse nun equipo de Ouro. Gañou 83-68 ao CB Morón e ascendeu á segunda categoría do básquet estatal a falla de dúas xornadas para o remate da Liga regular. Tres derrotas nos cinco primeiros encontros, pero 18 vitorias nas últimas 19 xornadas. Once triunfos consecutivos para ascender con todo merecemento á LEB Ouro. Outro equipo galego na antesala da ACB.

Marín arrincou con nervios, e dúas triplas visitantes e unha xogada de 2+1 puxo ao CB Morón 6-13 por diante. Pero da man dun espectacular Javonte Green, con 11 puntos case consecutivos, Marín remontou e deulle a volta ao marcador. Tras un 12-0, o técnico andaluz parou o partido con 18-13. Norman Rey anotou dúas triples consecutivas e o parcial medrou ata un 22-0. Morón estivo case seis minutos sen anotar en xogo e Carlos Noguerol puxo o 33-17 ao remate do primeiro cuarto. A Raña xa preparaba a festa. CB Morón acurtaba distancias no arrinque do segundo cuarto e Javi Llorente pediu tempo tras un parcial visitante de 2-10 e cun 37-27 no marcador. Noguerol rachou o parcial cunha tripla e Marín reaccionou cun parcial de 10-2 culminado coa primeira tripla de Álex Navajas. No tempo de lecer, 47-34.

Se Morón confiaba na remontada, Marín non lle deu ningunha opción. Un parcial de 11-2 para acadar a máxima diferenza do partido (58-36). O técnico sevillano parou o partido e o seu equipo reaccionou cun parcial de 0-14, tempo morto incluído de Javi Llorente. Menos mal que Álex Navajas colleu un rebote ofensivo, sacou unha falta e anotou os dous tiros libres. 60-50 para os últimos dez minutos.

Marín non quería sustos e arrincou o último cuarto cun 7-0 para poñer o 67-50. Morón non baixou os brazos e volveu poñerse a dez (69-59) a falla de cinco minutos. Álex Navajas anotou un 2+1 e Javonte Green unha tripla e Marín festexaba xa o ascenso. Antes de retirarse mancado, Álex Navajas anotou unha última canastra (23 puntos) e os marinenses volveron aos 20 puntos de vantaxe. Ao final, 83-68. O Peixe xa é de Ouro. Unha tempada histórica, tras gañar a Copa en Ávila en xaneiro e tumbar o Breogán en cuartos da Copa Galicia.

Marin Peixegalego, ascenso a Ouro tras unha campaña espectacular.
Marin Peixegalego, ascenso a Ouro tras unha campaña espectacular. | Fonte: Diego Torrado (pontevedraviva.com)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta