Por Alberto Quian | Madrid | 12/04/2016 | Actualizada ás 10:00
A extracción de biomasa para bioenerxía, para producir acha ou pellets, podería modificar de maneira importante o réxime de incendios e converterse nunha estratexia eficiente e económica para reducir o combustible forestal. Esta é a principal conclusión dun estudo liderado polo investigador galego Adrián Regos, do Centre Tecnològic Forestal de Catalunya (CTFC), e no que participaron tamén científicos do Centre de Recerca Ecológica i Aplicacions Forestals (CREAF), o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e a Universitat Autònoma de Barcelona (UAB).
O estudo publicouse na revista Ecosystems e baséase nun modelo que reproduce as interaccións entre o lume, a vexetación e a extracción de biomasa nunha paisaxe mediterránea. Así, os científicos chegaron á primeira avaliación cuantitativa desta práctica a medio prazo (ata 2050), aplicada en Cataluña, se ben "pode ter implicacións en moitas outras áreas", segundo explica a GC Adrián Regos, quen actualmente se atopa en Canadá, nunha estancia na Université du Québec à Montréal, no Département des sciences biologiques - Centre d’étude de la Forêt.
O investigador galego salienta que dos resultados desta investigación se pode concluír que "a extracción da biomasa forestal para uso enerxético pode axudar a reducir o impacto dos incendios forestais".
Regos —autor principal do artigo— explica que esta práctica pode chegar a ser unha estratexia eficaz de prevención de incendios, "sempre e cando se teñan en conta a localización dos tratamentos, a intensidade, e a capacidade do corpo de bombeiros de aproveitar as oportunidades creadas".
Neste sentido, o artigo apunta a que potencialmente se podería "reducir a superficie queimada, especialmente se a extracción de biomasa se sitúa de maneira estratéxica en áreas de alto risco de incendio, e segundo os modelos, podería chegar a supoñer ata un 60% de redución", detalla o científico galego.
Ademais, conclúe que toda esta información "serviría de pedra angular para que os programas de prevención de incendios implementen e optimicen os tratamentos de redución de combustible da maneira máis eficiente".
Sinerxias
O estudo tamén pon de manifesto as sinerxias que podería presentar esta estratexia coas políticas socioeconómicas e enerxéticas, fortalecendo o vínculo entre o sector forestal e o enerxético.
O uso da bioenerxía está a crecer e vinculalo cunha política de consumo de proximidade podería favorecer a falta de xestión forestal en moitos puntos do territorio español, segundo os científicos.
Por iso, incentivar esta xestión tanto a nivel público como privado implicaría novos modelos de gobernanza a nivel local, especialmente naquelas políticas vinculadas aos fondos europeos de desenvolvemento rural e rexional (FEDER e FEADER), que son as que máis potencial teñen.
Entre as consideracións que os autores fan respecto disto, non só resaltan o beneficio socioeconómico da biomasa en si, senón tamén "o efecto positivo desta actividade nunha posible redución do custo de extinción dos incendios", tal e como explica Lluís Brotons, investigador do CTFC, CREAF e CSIC, e un dos impulsores do estudo.
Por este motivo, os investigadores tamén consideran oportuno lembrar que é necesario combinar prácticas de extracción de biomasa con outros tratamentos de redución de combustible acumulado no sotobosque, xa sexan mecánicos ou mediante queimas prescritas, é dicir, aquelas nas que se aplica lume intencionado e controlado ao sotobosque con este propósito.
Os resultados deste estudo permitirían integrar a xestión forestal co uso de enerxías renovables, axudando aos xestores do territorio á hora de optimizar os programas de loita contra incendios forestais. O estudo chega nun contexto en que o cambio climático e o éxodo rural ameazan con incrementar a intensidade dos lumes dos bosques, advirten os científicos.
-----------------------------------------
A. Regos, N. Aquilué, I. López, M. Codina, J. Retana, L. Brotons (2016). Synergies Between Forest Biomass Extraction for Bioenergy and Fire Suppression in Mediterranean Ecosystems: Insights from a Storyline-and-Simulation Approach. Ecosystems. DOI: 10.1007/s10021-016-9968-z
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.