“Outrora”, etnografía e tradición

A poboación de Rubián, no Concello de Bóveda, revive unha das feiras rurais de antes e repite a concentración-exhibición de bicicletas e motos antigas.

Por GC Tendencias | Rubián | 14/07/2016 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

Este xoves 14 de xullo celébrase a XIV edición da Feira Tradicional Outrora, feira que recrea o escenario comercial daquelas feiras rurais das que tanto nos falaban os nosos avós no que destacaba a presenza de produtos de alimentación autóctonos e os oficios tradicionais.

Cartel de Outrora 2016
Cartel de Outrora 2016

Aínda que moita xente se queixa de que sendo sempre o 14 de xullo resulta difícil acudir a ela cando cae entre semana pero tanto o alcalde como o resto de organizadores mantéñense firmes na convicción de que se debe respectar o día propio dunha das feiras máis importantes de Rubián. Será unha importante cita etnográfica e gastronómica onde se amosan os oficios, hai moitos postos de artesanía e os mellores produtos da zona. Para aqueles visitantes máis cativos que se animen poden participar  nalgún dos obradoiros artesanais infantís programados.

Dado o éxito da pasada edición repetirase a orixinal concentración-exhibición de bicicletas e motos antigas con dúas categorías participantes: bicicleta e moto máis antiga ou mellor conservada e bicicleta e moto antiga máis orixinal e curiosa. Os participantes terán un agasallo e comida pagada na feira para dúas persoas.

Moi recomendables para os máis cativos a actuación de monicreques “Micromina Títeres” e a festa da escuma a partir das 17.30 horas, e para o público familiar os xogos interxeracionais ás 19.30 horas. Outros momentos de interese etnográfico deste evento son a recreación da “malla” que terá lugar ás 20.30 h.e a degustación do “isco no guizo” (touciño ao espeto) ás 22.30 h.

Programa completo:

10:30 h. Apertura das exposicións e representacións dos oficios tradicionais ao público.

Recreación da malla
Recreación da malla

11:00 h. II Concentración de Bicicletas e Motos antigas.

11:30 h. Pasarrúas da Banda de Gaitas Municipal.

12:00 h. Actuación do grupo de Danzas Municipal.

12:30 h. Concerto da Banda de Taboada Juan Montes.

13:30 h. Entrega de Premios da II Concentración de bicicletas e motos.

16:00 h. Obradoiros artesanais infantís.

17:30 h. Monicreques: Micromina Títeres: “Vacacións no mar”.

18:30 h. Festa da Escuma.

19:15 h. Actuación do Grupo de Fiandeiras Bolboreta.

19:30 h. Xogos Tradicionais Interxeracionais.

20:30 h. Recreación etnográfica da Malla.

21:15 h. Proxección audiovisual: “A construción dun carro galego”.

21:45 h. Concerto da Coral de Bóveda.

22:30 h. Degustación do “Isco no guizo”.

22:45 h. Noite de Pasodobre.

Postos de artesanía e oficios
Postos de artesanía e oficios
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta