Temas: ANGROIS TREN

As vítimas de Angrois aseguran que a dilación da investigación estaba “premeditada”

Coincidindo co terceiro aniversario do accidente, din que a Xunta e o Goberno central dificultan a realización dunha investigación independente porque "teñen cousas que ocultar".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2016 | Actualizada ás 20:07

Comparte esta noticia

Este domingo, 24 de xuño, cúmprense tres anos do mortal accidente de tren na curva de Angrois. Dende entón, as vítimas tentaron obter respostas que aínda non atoparon polos obstáculos que puxo o Goberno central dende o principio. Este sábado, a vogal da Plataforma Vítimas Alvia 04155 Teresa Gómez Limón denunciou que a dilación da investigación que estuda o accidente ferroviario acontecido en Angrois estaba "premeditada", afirmación que apoiou no feito de que os xuíces que levaron o caso, Luis Aláez e Andrés Lago Louro, tiveron que instar ao Goberno a entregar a documentación requirida "baixo ameaza de sanción".

Arturo Domínguez, portavoz da Plataforma Víctimas Alvia 04155
Arturo Domínguez, portavoz da Plataforma Víctimas Alvia 04155 | Fonte: Europa Press.

Teresa Gómez Limón pronunciouse deste modo en declaracións aos medios antes de participar en Santiago na asemblea da Plataforma Vítimas Alvia 04155, onde criticou que o Goberno central "tardase meses" en presentar os devanditos informes. Ademais, afirmou que a velocidade da Xustiza "depende de como se traten os casos".

Nesta liña, eloxiou o traballo realizado ao respecto polo primeiro xuíz que levou o caso, o maxistrado Luis Aláez, mentres que denunciou que Lago Louro "só dedicou un día á peritación".

Pola súa banda, un dos voceiros da Plataforma, Arturo Domínguez, recordou que a Axencia Ferroviaria Europea (ERA nas súas siglas en inglés) recoñece a "falta de independencia" da investigación realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) que se compón de empresas públicas --Renfe, Adif e Ineco-- que, na súa opinión, están "postas polo Goberno correspondente".

O voceiro tamén asegurou que o informe da CIAF "se centra exclusivamente nas causas últimas ou directas do accidente", pero "sen valorar minimamente as causas raíz e estruturais".

PETICIÓN DE INVESTIGACIÓN Á UE

Por esta razón, as vítimas demandan á Unión Europea que se "invalide" o documento da CIAF, que se retire da causa xudicial e que se volva investigar do modo no que Bruxelas se ofreceu. Para iso, presentarán a petición tras unha tradución xurada que aínda está pendente.

Ademais, Teresa Gómez Limón recordou que a ex-ministra de Fomento e actual presidenta do Congreso, Ana Pastor, asegurou en 2013 que a CIAF era "totalmente independente", pero dado que agora se formula a posibilidade de que non o sexa, considerou que Pastor debe "pedir perdón ás vítimas" porque "lles"mentiu" ao respecto. "Non é merecedora de ser nin ministra nin presidenta do Congreso, resolveu.

Así mesmo, o voceiro da Plataforma demandou unha "depuración de responsabilidades políticas" xa que, aínda que a Unión Europea "avalou a parte técnica" da investigación e a Audiencia Provincial da Coruña, a xudicial; non houbo resposta en relación á "parte parlamentaria", debido a que, na súa opinión, a Xunta e o Goberno central "botan para atrás" a investigación posto que "teñen cousas que ocultar".

DEMANDAS

Arturo Domínguez tamén sinalou que as demandas das vítimas son as "mesmas" que "hai tres anos", cando tivo lugar o suceso, é dicir, "verdade, xustiza e reparación" e afirmou que as dúas primeiras "non son negociables", así como unha maior celeridade na Xustiza.

O voceiro tamén indicou que, actualmente, as vítimas viven unha "mestura de sentimentos", xa que por un lado senten a "dor do recordo" e, por outro, a esperanza de que a investigación da UE permita esclarecer os feitos, aínda que tamén experimentan "intranquilidade" debido á dilación do proceso.

Temas: ANGROIS TREN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 XanKaraLlás

O problema de Galicia é que temos malos políticos pero sobre todo un electorado peor aínda. Bu rros, bu rros, bu rros. Só lles falta ornear.

1 XanKaraLlás

Pois parece que os galegos tardan en aprender: pase o que pase, continúan a darlle maiorías -case sempre absolutas- ao PP. Somos parvos e aínda por riba, satisfeitos.