Por Galicia Confidencial | Arbo | 11/08/2016 | Actualizada ás 16:31
Un vídeo compartido por un veciño de Arbo podería servir como indicio da intencionalidade humana dalgúns dos incendios que están arrasando principalmente o sur de Galicia estes días.
O incendio de Arbo permanece activo dende as 20.23 horas do mércores tras declararse na parroquia de Mourentán, segundo os datos da Consellería do Medio Rural, que sitúa a superficie afectada nunhas 500 hectáreas.
No lugar traballan, segundo a información de Medio Rural, un técnico, 12 brigadas, oito motobombas, unha pa e un helicóptero. Ademais, a Xunta activou a alerta denominada 'situación 2' por proximidade do lume a vivendas.
Veciños de Arbo puideron presenzar, in situ, a orixe de focos diversos de lume que ían prendendo un tras outro. Nun momento determinado, sorprendidos polo que está acontecendo, un deles di: "Mira como se nota que é combustble", ao que outro responde: "Á parte, no medio do eucalipto".
Segundo Aprafoga —Asociación Profesional dos Axentes Forestais e Medioambientais de Galiza—, á vista do gravado no vídeo, "a orixe pode ser provocada; a secuencia do vídeo reflicte propagación por focos secundarios".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.