Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/08/2016 | Actualizada ás 11:18
Non todo o polbo que se consume en Galicia é autóctono; de feito, só entre o 25-30% é autóctono e o resto provén de augas marroquís para satisfacer unha demanda que supera a oferta que pode cubrir o mercado galego. Así o asegurou Francisco Gómez, xerente do grupo Pulperías á Feira, con sedes en Ourense, Xixón e Oviedo.
Nunha entrevista no programa radiofónico Ser Consumidor, Gómez asegurou que "o consumo é tan grande aquí en Galicia, que só o 25-30% é galego porque non dá para máis", debido ás medidas legais que evitan a sobreexplotación, con limitacións de cota "por persoa e barco durante a tempada".
"O 70 por cento do que se consume en Galicia é de Marrocos", comentou este experto polbeiro do Carballiño no espazo da Cadea Ser, no que quixo salientar que "unha cosa é o polbo galego e outra o polbo á galega ou polbo á feira, que é unha forma de facelo e o outro dálle nome ao animal".
Gómez recoñece que soe haber un engano ao consumidor, xa que "nunca se especifica se o polbo é galego ou de fóra", se ben explica que hai diferenzas que calquera pode identificar, principalmente no aspecto e no sabor: "O galego é un polbo máis escuro, moito más brillante; á hora de cocelo a textura é totalmente distinta". Ademais, "o sabor non ten nada que ver; o galego é moito máis intenso, un sabor máis a mar que vén dado polas correntes mariñas do mar".
Velaquí o audio completo:
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.