Empate de tolos

O Lugo consigue un punto tras empatar 3-3 un partido que se lle puxo moi costa arriba tras dous erros na saída do balón. Marcaron Pedraza, Joselu e Campillo para os lucenses, que suman dous empates en dúas xornadas. O venres, cita en Córdoba.

Por gcdeportes | Lugo | 28/08/2016 | Actualizada ás 00:52

Comparte esta noticia

Ficha técnica
CD Lugo 3:
Xose Xoan; Jordi Calavera, Ignasi Miquel, Carlos Hernández (Djaló, 67’), Manu; Carlos Pita, Seoane; Igor Martínez (Iriome, 67’), Yelko Pino (Campillo, 59’), Pedraza e Joselu.
Real Zaragoza 3: Irureta; Isaac, Marcelo Silva, Cabrera, Casado; Zapater, Erik Morán (Javi Ros, 58’); Cani (Wilk, 78’), Xumetra, Manu Lanzarote (Fran, 72) e Ángel.
Goles: 0-1: Manu Lanzarote (minuto 14). 1-1: Pedraza (m. 37). 1-2: Ángel (50’). 1-3: Ángel (57’). 2-3: Joselu (69’). 3-3: Campillo (72’).
Árbitro: Figueroa Vázquez (andaluz). Amarelas a Djaló (m.90) nos lucenses e a Marcelo Silva (20'), Cabrera (21') e Isaac (21') no Zaragoza.
Incidencias: partido da 2ª xornada da Segunda División disputado no estadio Anxo Carro ante 3.123 espectadores. Homenaxe a Cristian Toro, primeiro campeón olímpico lucense, quen fixo o saque de honra.

Como en Tarragona, pero ao revés. Mesmo resultado, un empate, pero distinto xeito de acadalo. Co Nástic (2-2), voaron dous puntos tras un 0-2 a favor; co Zaragoza (3-3), o Lugo recuperou un punto tras ir perdendo por dous goles por mor de dous erros lamentábeis. En tres minutos, sacando o orgullo, con goles de Joselu e Campillo, os de Luis César salvaron un empate no regreso de Luis Milla ao Anxo Carro.

Cristian Toro, primeiro lucense en acadar un ouro olímpico, fixo o saque de honra.
Cristian Toro, primeiro lucense en acadar un ouro olímpico, fixo o saque de honra. | Fonte: lfp.es

Só un troco nos de Luis César: Yelko Pino entrou por Campillo. No arrinque, o Lugo quería a pelota, pero o Zaragoza presionaba a súa saída de balón, e os locais buscaban saír por bandas. Coma sempre, os lucenses recorrían a Xose Xoan para manter a posesión. E iso fixo Carlos Hernández no minuto 14, pero mediu mal, o balón paseouse pola liña de meta e Manu Lanzarote adiantouse ao meta vigués para empurrar o balón á rede.

Con vantaxe, o Zaragoza foise atrás, e o Lugo estirouse pouco a pouco buscando o empate. Costoulle traballo, pero acabou igualando o encontro. No minuto 37, asistencia de Yelko Pino dende a dereita para a chegada de Pedraza, que fixo o 1-1 cun disparo imparábel para Irureta. Un novo erro do Lugo en defensa deulle a Xumetra a ocasión para o 1-2, pero o seu disparo foise fóra. Táboas no descanso.

Nada máis principiar a segunda parte, novo agasallo do Lugo ao rival. Erro na saída de balón de Carlos Pita, roubo de Zapater e gol de Ángel. O Lugo estaba obrigado a ir de novo a polo empate, e o Zaragoza aproveitou os espazos na defensa lucense para ampliar a vantaxe á contra. Foi de novo Ángel, no man a man con Xose Xoan, quen fixo o 1-3 con pouco máis de media hora por diante. Nos se rendeu o Lugo, Luis César esgotou os tres trocos coa entrada de Campillo, Djaló e Iriome, e os lucenses en apenas tres minutos igualaron o choque. Avisou Pedraza, que tamén reclamou un penalti, e Joselu marcou o 2-3 tras unha boa asistencia de Campillo.

O Zaragoza acusou o golpe, o partido estaba aberto, e foi o propio Campillo quen fixo o empate cun disparo que petou no traveseiro e acabou entrando. Aínda quedaban 20 minutos, ambos os dous equipos buscaron o gol do triunfo, pero o marcador xa non se moveu máis e acabou con seis tantos, tres para cada un. O venres ás 21.00 horas, cita en Córdoba coa terceira xornada.

Ledicia dos xogadores lucenses tras marcar Campillo o 3-3.
Ledicia dos xogadores lucenses tras marcar Campillo o 3-3. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta