Temas: MúSICA

Últimos días para os abonos da tempada de música clásica en Vigo

Guy Braunstein, Dima Slobodeniouk, Christoph König, Jaime Martín e Giancarlo Guerrero serán os directores. Na pasada tempada acudiron unhas 8.000 persoas.

Por GC Tendencias | Vigo | 20/09/2016 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Derradeiros días de venda de abonos para a tempada de música clásica que  Afundación ofrece en Vigo e que poderán adquirirse ata o 23 de setembro. A Real Filharmonía de Galicia e a Orquesta Sinfónica de Galicia estarán dirixidas nesta ocasión por Guy Braunstein, Christoph König, Dima Slobodeniouk, Jaime Martín e Giancarlo Guerrero que interpretarán concertos de obras de Webern, Brahms, Vasks e Beethoven, entre outros. Unha nova oferta de Afundación para os afeccionados á música clásica que dará comezo o 13 de outubro e na pasada tempada reuníu máis de 8000 espectadores, o que representou unha ocupación media nos concertos do 91 por cento da asistencia.

Guy Braunstein
Guy Braunstein

Os abonos, que estarán dispoñibles ata o vindeiro 23 de setembro, poden mercarse mediante as canles habituais de comercialización de espectáculos da entidade,  a través da web de Ataquilla.com. Ademais do aforro que supón o abono, un 20 % con respecto aos prezos dos billetes individuais, a fundación galega ten en marcha unha política de bonificacións e descontos para persoas desempregadas, xubiladas e mozas que supón unha rebaixa adicional dun 10 % no prezo dos abonos. Todas aquelas persoas que desexen facerse coas entradas soltas poderán conseguilas polo mesmo sistema a partir do día 26 de setembro. Así mesmo, Afundación continuará o vindeiro curso có programa «Quedamos no palco, quedamos coa clásica», unha iniciativa que pon á disposición dos escolares entradas gratuítas e da que se beneficiaron na pasada tempada 16 centros. Todas as funcións terán lugar no Teatro Afundación de Vigo, na rúa Policarpo Sanz, 13.

OS CONCERTOS

A Orquesta Sinfónica de Galicia dirixida por Guy Braunstein será a encargada de abrir con esta primeira cita a tempada clásica o próximo 13 de outubro ás 20.30 h. O programa componse de obras de Ralph Vaughan-Williams, Camille Saint-Saëns e Anton Webern. 

Para o 26 de outubro fixouse a segunda función que estará protagonizada pola Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Christoph König, e dará comezo ás 20.30 h. Entre outras, interpretaranse pezas de Roussel e Ravel. Será Dima Slobodeniouk, con Diego Zecharies ao contrabaixo, o encargado de dirixir a Orquesta Sinfónica de Galicia o 10 de novembro ás 20.30 h. No concerto interpretaranse pezas de Shostakóvich, Tubin, Vasks e Kodaly. O 30 de novembro será a quenda do director Jaime Martín, con Anthony Marwood ao violín e James Dahlgren como concertino. O español levará a batuta da Real Filharmonía de Galicia con obras de Jesús Torres, Kurt Weill e Beethoven. Como colofón desta tempada, a Orquesta Sinfónica de Galicia, dirixida por Giancarlo Guerrero e con Isabelle Faust ao violín, actuará o 15 de decembro cun concerto monográfico de obras de Beethoven.

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta