Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 20/11/2016 | Actualizada ás 17:54
A Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), organización que promove a utilización do galego no ámbito sanitario, celebra a súa Asemblea anual en Vigo, o día 26 de novembro, na que rende homenaxe á doutora Olimpia Valencia. Esta será a sexta edición do encontro, no que tamén se incorporarán 40 novos irmandiños-as, persoas comprometidas co idioma galego no desempeño do seu labor profesional.
En anos anteriores ISAGA honrou a memoria de Manuel Reimondez Portela (o médico dos pobres da Estrada, autor do libro “Un médico na aldea”) en 2011; a de Ramón Obella Vidal (investigador, empresario cofundador de Zeltia e galeguista) en 2012; a de Fausto Galdo (pioneiro da Reumatoloxía en Galicia e reputado gastrónomo) en 2013; a deXosé Manuel López Nogueira (ilustre psiquiatra compostelán, de profundo coñecemento filosófico recollido no libro “Dialéctica existencial y psicoanálisis”) en 2014; e lembrou aManuel Peña Rey (galeguista e xinecólogo, pioneiro desta especialidade en Ourense na primeira metade do século XX) en 2015.
No presente ano ISAGA recupera para a memoria colectiva a figura de Olimpia Valencia (Baltar, Ourense, 1898 – Vigo, 1987), unha muller moi avanzada para a súa época que, en 1925, converteuse na primeira galega en obter a licenciatura de Medicina (cun brillante expediente académico) e foi tamén a primeira muller en exercer a especialidade de Xinecoloxía. En 1928 estableceuse en Vigo e deuse a coñecer cunha placa na porta e cun anuncio na prensa: "Olimpia Valencia. Especialista en enfermedades de la mujer". Nun principio tivo moitas dificultades para que lle recoñecesen a súa condición de "médico", mais pouco a pouco foi gañando prestixio profesional.
Hoxe asistimos a unha crecente feminización da profesión médica, pero hai cen anos a situación era ben distinta: a presenza da muller na Universidade era mínima e o exercicio da medicina era un espazo estritamente masculino. A doutora Olimpia Valencia demostrou posuír unha vocación ben definida e unha gran personalidade, para vencer as fortes resistencias e presións sociais ante o acceso dunha muller a unha profesión considerada daquela propia de homes. Era unha muller culta e socialmente activa, tivo relación con intelectuais galeguistas (Valentín Paz-Andrade, Álvaro das Casas) e comprometeuse na defensa do Estatuto de Autonomía. En 1937, xa iniciada a guerra, foi detida pola Garda Civil e acusada de pertencer ao Partido Galeguista. Non tardou en saír en liberdade, polo seu comportamento e despois de facer un xeneroso “donativo”. Foi sinalada como “roxa” e moitas persoas deixaron de ir á súa consulta. Foi capaz de resistir as presións e o boicot, conseguiu praza como médica da Seguridade Social e exerceu a profesión durante décadas. Despois de xubilada aínda continuou na súa consulta privada ata os oitenta anos.
Olimpia Valencia é unha pioneira, unha muller íntegra, exemplar no seu compromiso, que levou unha vida austera dedicada ao exercicio da profesión a ao servizo aos seus conveciños. Hai unha rúa en Oia que leva o seu nome, pero poucos saben de quen se trata. ISAGA quere recuperar a súa memoria, porque este país necesita referentes, precisa revisar e súa historia recente e honrar ás persoas xenerosas que traballaron toda a vida para axudar aos demais e procurar un futuro mellor.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.