Emre Çolak achega un punto

Unha xenial asistencia do xogador turco a Florin Andone serve a un frouxo Dépor para acadar un empate contra As Palmas, que xogou con dez os últimos 15 minutos. Os de Gaizka Garitano rematan a primeira volta con 19 puntos, sete por riba do descenso.

Por gcdeportes | A Coruña | 21/01/2017 | Actualizada ás 00:25

Comparte esta noticia

Ficha técnica
As Palmas 1:
Javi Varas; Míchel Macedo, Lemos, Aythami Artiles, Hélder Lopes; Roque Mesa; Momo (Tana, 80’), Montoro, Vicente Gómez, Mateo García (Benito, 89’); e Livaja (El Zhar, 85’).
RC Deportivo 1: Tyton; Juanfran, Arribas, Sidnei, Navarro; Guilherme, Celso Borges, Emre Çolak, Luisinho (Marlos Moreno, 80’); Joselu (Óscar Pinchi, 92) e Florin Andone.
Goles: 1-0: Mateo García (minuto 13). 1-1: Florin Andone (69’).
Árbitro: Fernández Borbalán (andaluz). Expulsou por dobre cartón a Aythami Artiles (minutos 72 e 77) e amarela a Joselu (minuto 91) no Deportivo.
Incidencias: partido da 19ª xornada da LEB Oro disputado no Estadio de Gran Canaria ante 18.051 espectadores.

Os deportivistas celebran con Andone o gol do empate.
Os deportivistas celebran con Andone o gol do empate. | Fonte: lfp.es

Un empate e grazas, o terceiro consecutivo na Liga do Dépor, que segue sen gañar esta tempada lonxe de Riazor. Mateo García fixo o 1-0 para As Palmas cos de Gaizka Garitano desaparecidos a primeira hora de xogo; Florin Andone, tras unha asistencia xenial de Emre Çolak, acadou o empate no minuto 69, pero ao Dépor faltoulle decisión para ir polos tres puntos xogando cun home máis trala expulsión do ex–deportivista Aythami Artiles.

Dous trocos no once de Garitano ao respecto de Vilarreal: Juanfran volveu ao lateral dereito trala sanción e Joselu recuperou a titularidade no canto de Marlos Moreno. Malia a semana movida e as baixas por lesión ou por castigo, os canarios dominaron con claridade no arrinque ante un Dépor durmido. Xa no minuto 6, Tyton tivo que despexar a córner un disparo do croata Marko Livaja. Foi un aviso, xa que na seguinte chegada, os de Quique Setién adiantáronse no marcador: centro dende a dereita que Sidnei non acerta a despexar e Mateo García marca o 1-0 tras petar o seu disparo no propio Sidnei.

As Palmas seguiu co dominio pero sen crear perigo e o Dépor, malia xogar con dúas puntas, apenas fixo nada en ataque: tardou media hora en disparar á portaría rival. A única ocasión antes do lecer, un remate desviado coa testa de Borges tras un córner.

O Deportivo saiu de vestiarios como no primeiro tempo, dominado por un rival máis intenso e coas ideas máis claras. Garitano atopou a solución no céspede: Joselu na banda dereita e Emre Çolak polo centro, detrás de Florin Andone. Case sen merecelo, chegou o empate: gran pase do xogador turco para a carreira de Andone, que bateu a Javi Varas cun zurdazo ao pau curto.

Tralo 1-1 deportivista, Aythami Artiles viu dúas tarxetas amarelas en apenas cinco minutos, e os canarios quedaron cun xogador menos a falta de 20 minutos. Laure estaba preparado para entrar, presumíbelmente por Joselu, pero Garitano aproveitou a superioridade para dar entrada a Marlos Moreno. O Dépor tivo o balón nos minutos finais, pero faltoulle decisión e ambición para ir a polos tres puntos. O segundo troco deportivista, Óscar Pinchi, chegou no tempo engadido. Ao final, 1-1 e o Deportivo que remata a primeira volta con 19 puntos, sete por riba do Sporting, que marca o descenso con 12 e ten que visitar o Betis este domingo.

Florin Andone busca a Çolak para agradecerlle a asistencia de gol.
Florin Andone busca a Çolak para agradecerlle a asistencia de gol. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta