Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2017 | Actualizada ás 19:27
Un cento de persoas participaron en Compostela no recibimento ao independentista galego Antóm Santos, quen abandonou o cárcere de Aranjuez a principios de maio, logo de cumprir máis de cinco anos de prisión tras ser condenado en 2013 pola Audiencia Nacional por delitos de participación en organización terrorista e falsificación de documento oficial.
O acto, convocado pola organización Ceivar, tivo lugar este sábado no local da asociación cultural A Gentalha do Pichel debido ás condicións meteorolóxicas —estaba previsto que se celebrase na Praza do Toural— e pechouse coa actuación do dúo 'Mini e Mero'.
Alí congregáronse arredor dun cento de persoas que recibiron a Antóm Santos Pérez, profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), detido no ano 2011 xunto á súa parella María Osorio pola súa suposta pertenza a unha organización terrorista.
O pasado mes de abril, o Tribunal Supremo reduciu a pena de prisión de ambos os dous, que pasou de sete anos e nove meses a cinco anos e catro meses de cárcere, tempo que Santos cumpriu o pasado 2 de abril. A condena de Santos e Osorio xa fora rebaixada no ano 2014.
A reforma do Código Penal de 2015 permite aos tribunais reducir as penas por delitos de terrorismo cando se entende que os feitos xulgados son de menor gravidade segundo criterios de medios utilizados ou os seus resultados.
Santos e Osorio foron condenados a dez anos de cárcere pola Audiencia Nacional xunto a outros dous independentistas galegos —Eduardo Vigo e Roberto Rodríguez Fiallega—, aos que se lles impuxo penas de 18 anos de prisión por tenencia de artefactos explosivos.
María Osorio continúa en prisión ao estar un ano en liberdade condicional antes da celebración do xuízo, en 2013.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.