'O Mulo' nega ser o xefe da rede de narcotráfico como afirman outros acusados e di que era un transportista

Rafael Bugallo, alias 'O Mulo', pediu de novo a palabra na cuarta sesión do xuízo que se celebra na Audiencia Provincial de Pontevedra contra 13 acusados de participar nunha descarga de 3.500 quilos de cocaína, que finalizaba cunha planadora varada e queimada na Lanzada en agosto de 2008.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2017 | Actualizada ás 21:57 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Rafael Bugallo, alias 'O Mulo', pediu de novo a palabra na cuarta sesión do xuízo que se celebra na Audiencia Provincial de Pontevedra contra 13 acusados de participar nunha descarga de 3.500 quilos de cocaína, que finalizaba cunha planadora varada e queimada na Lanzada en agosto de 2008.

O principal procesado asegurou ser un transportista nesta trama, pero rexeitou ser o xefe da rede de narcotraficantes, tal e como lle sinalaron dúas dos acusados, José Antonio Búa e Luís Fajardo, que admitiron a súa participación nos feitos sempre baixo as ordes de Rafael Bugallo.

Con todo, 'O Mulo' asegurou que eles se ocuparon de equipar a planadora e dixo que dispuña de máis probas para demostralo.

José Antonio Búa declarou que por aquel entón mantiña unha relación coa filla de 'O Mulo' e que era el quen lles ordenaba o que tiñan que facer cunha embarcación que utilizaba para a pesca furtiva. "Díxonos que nos ían a pagar moi ben", subliñou.

Búa admitiu que era un peón que "axudaba no que lle pedían", e aludiu a cuestións como as de comprar material na ferraxaría, gasolina e aceite.

ÍA A SER O PILOTO

Pola súa banda, Fernando Prado admitiu que ía ser o piloto da lancha e que mantivo contactos por SMS con José Luís Devesa, patrón do 'Ratonero', barco que ía fornecerlle a gasolina á lancha no mar. Prado indicou que finalmente non pilotou aquela embarcación.

O patrón do Ratonero, José Luís Devesa, que actualmente se atopa en prisión por outra causa, recoñeceu que fora Fernando Prado quen lle deu as coordenadas onde tiñan que fornecer a gasolina á lancha para transportar droga e afirmou que un dos tripulantes, o tamén acusado Fredi Willy, descoñecía a operación que ían levar a cabo.

CINCO ACUSADOS REXEITAN CALQUERA RELACIÓN COA DESCARGA

Dos 13 acusados que sentan no banco, cinco rexeitan calquera relación coa descarga: Gustavo Adolfo Agudelo, Víctor Manuel Rodríguez , Fredi Willy, Manuel Nogueira e Fernando Bugallo Varela.

O resto admite, con matices, o contido do manuscrito onde 'O Mulo' os implica. O xuízo continuará este venres coa declaración de dous axentes policiais que interviñeron na desarticulación desta operación.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta