A Guarda fai historia

O Mecalia Guardés proclámase por primeira vez en 55 anos de historia campión de Liga na máxima categoría do balonmán feminino tras vencer 27-20 a Granollers na Sangriña. As guardesas rachan a hexemonía do Bera Bera e xogarán a previa da Champions a vindeira campaña.

Por gcdeportes | A Guarda | 27/05/2017 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

Historia do balonmán galego e do deporte galego. O Mecalia Atlético Guardés cumpriu o soño dun pobo enteiro. Venceu 27-20 a Granollers na Sangriña e proclamouse, por primeira vez en 50 anos de historia, campión de Liga na máxima categoría do balonmán feminino. Un título para un pobo de apenas 10.000 habitantes e festa rachada na Guarda. De paso, o Mecalia Guardés, que xogará a vindeira campaña a previa da Champions, racha coa hexemonía do Bera Bera, campión de Liga nos últimos catro anos.

As guardesas celebran na Sangriña o seu primeiro título de Liga.
As guardesas celebran na Sangriña o seu primeiro título de Liga. | Fonte: @PHOTOTECABN

O Atlético Guardés acusou a presión nos primeiros minutos, nos que dominou o Granollers, pero con 8-10 un tempo morto de José Ignacio Prades no minuto 14 provocou a reacción das guardesas, baseada na defensa e lideradas en ataque polas galegas Anthía Espiñeira e Estela Doiro. O Mecalia chegou xa por diante ao descanso: 15.-13. No segundo tempo, defensa asfixiante das galegas e festival do Atlético Guardés, que fixo medrar a distancia entre berros de “campioas, campioas” da afección. Ao final, 27-20 e o delirio na Sangriña.

Polo Mecalia Guardés xogaron Estela Doiro, Anthía Espiñeira, Alesia Kurchankova, Elena Onicas, Inés Hernández, Luciana Mendoza, Haridian Rodríguez, África Sempere, Rosa Álvarez, Xeila Fervenza, Rosario Urban, Ana Isabel Cerqueira, Raquel Lorenzo e Marta Pombal e Estela Carrera e Marisol Carratú na portaría.

O equipo de José Ignacio Prades, que leva dous anos sen perder no inferno da Sangriña, tan só perdeu dous encuentros en toda a Liga, a domicilio ante Bera Bera e Rocasa Gran Canaria. As claves do seu espectacular rendemento, traballo colectivo e sacrificio, cun vestiario que é como unha gran familia. A Guarda celebra xa o primeiro título en 55 anos de historia do Mecalia Atlético Guardés, que gaña outra volta para Galicia o título na división de honra do balonmán feminino, 55 anos despois da vitoria da Sociedad Hípica da Coruña.

As xogadoras do Mecalia 'mantean' o adestrador José Ignacio Prades.
As xogadoras do Mecalia 'mantean' o adestrador José Ignacio Prades. | Fonte: @PHOTOTECABN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 É Atlético

O Sporting Guardés é de fútbol. Este de balonmán é Atlético Guardés.