O Dépor colle aire

O equipo deportivista, con pouco xogo, vence 1-0 o Alavés grazas a un gol de Luisinho no tempo engadido do primeiro tempo e acada na quinta xornada a primeira vitoria da Liga. O domingo, visita ao Espanyol con 4 puntos.

Por gcdeportes | A Coruña | 21/09/2017 | Actualizada ás 00:02

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
RC Deportivo 1:
Pantilimon; Juanfran, Arribas, Schär, Luisinho; Guilherme, Borges, Fede Valverde, Fede Cartabia (Bruno Gama, 92’), Lucas Pérez (Emre Çolak, 63’) e Florin Andone (Borja Valle, 88’).
Alavés 0: Pacheco; Vigaray, Rodrigo Ely, Maripán, Duarte; Álvaro Medrán, Manu García, Dani Torres (Sobrino, 69’); Burgui (Pedraza, 62’), Ibai Gómez e Munir (Óscar Romero, 83’).
Gol: 1-0: Luisinho (minuto 45+).
Árbitro: Medié Jiménez (catalán). Amarelas a Vigaray (50’) e Maripán (62’) no Alavés.
Incidencias: partido da 5ª xornada de Primeira División no estadio municipal Abanca-Riazor ante 18.612 espectadores. Minuto de silencio na memoria de Juan Fontela, Juan García Negro e Tucho de La Torre.

Un gol de Luisinho no tempo engadido do primeiro tempo e basta. O mellor, sen dúbida, o resultado: tres puntos imprescindibles, pero con pouco fútbol. O Dépor deixou por primeira vez a súa portaría a cero e acadou a primeira vitoria na Liga. O Alavés, que aínda non marcou un gol en cinco xornadas, foi peor. Os de Pepe Mel suman 4 puntos e saen dos postos de descenso. O domingo, visita ao Espanyol.

Lucas Pérez pide explicacións a Pepe Mel tralo troco.
Lucas Pérez pide explicacións a Pepe Mel tralo troco. | Fonte: lfp.es

Pepe Mel, necesitado con urxencia dunha vitoria, apostou polo internacional uruguaio Fede Valverde e por Lucas Pérez, titulares por primeira vez. Malia os trocos, o partido dos deportivistas foi espeso, con poucas ocasións claras de gol. Houbo que agardar vinte minutos pola primeira: un disparo alto de Fede Valverde tras aproveitar un rexeite da defensa rival.

O Dépor seguiu atascado e o Alavés atreveuse a estirar liñas. Antes dos descanso, provocou os asubios da afección deportivista os seus. Un disparo lonxano de Munir obrigou a Pantilimon a despexar a córner; no saque dende o curruncho, Rodrigo Ely rematou coa testa ao pau. Cando semellaba que o 0-0 non se ía mover antes do descanso, gol de Luisinho tras asistencia de Andone dende a liña de fondo. Premio excesivo para os deportivistas e mazazo para o Alavés.

Malia as escasas prestacións do rival, o Dépor non foi capaz de marcar o segundo para sentenciar o choque, e tivo que sufrir ata o asubío final pola incerteza do marcador. Pantilimon pasou apuros no minuto 55 para despexar un chute forte de Burgui, pero pouco máis no Alavés. Pepe Mel sentou no minuto 63 a Lucas Pérez, quen lle pediu explicacións polo troco. Fede Valverde, o mellor dos deportivistas, buscou o segundo cun lanzamento a media distancia que saiu desviado, e tentouno tamén Florin Andone, cun disparo que despexou Pacheco. O Dépor apenas pasou apuros, e na recta final entraron Borja Valle e, xa non tempo engadido, Bruno Gama. O Dépor sumou por fin os tres puntos.

Luisinho celebra cos seus compañeiros o gol da vitoria.
Luisinho celebra cos seus compañeiros o gol da vitoria. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta