Por Galicia Confidencial | As Neves | 24/10/2017 | Actualizada ás 14:00
"O mellor da xente". Así describen veciños das Neves e Ponteareas a marea de solidariedade que envolve a estes concellos, dos máis afectados pola vaga de lumes en Galicia da pasada semana. Auga, roupa, alimentos... As caixas amorénase para que os voluntarios autoorganizados repartan a axuda prestada entre os veciños afectados. Pero tamén se están facendo esforzos por recuperar a superficie queimada e alimentar os animais, que agora apenas atopan lugares onde pastar.
Veciños das Neves comentan a GC que eles mesmos puxeron en marcha "as primeiras medidas improvisadas para alimentar o gando e cabalos que ficaron no monte". Os voluntarios foron deixando en distintos puntos da contorna pan duro, mazás, herba, auga... para que os animais poidan alimentarse e hidratarse.
Un deses lugares é o monte de Sandomedio, na parroquia de Taboexa. Segundo o alcalde das Neves, Xose Manuel Rodríguez Méndez, o 99% do concello resultou afectado polo lume. Alí calcúlase que arderon unhas 6.000 hectáreas.
A metade da poboación da localidade, duns 4.000 habitantes, leva sen subministración de auga potable desde o martes, cando as cinzas cubriron a canle do río Termes, o afluente do río Miño que abastece o consumo do municipio. Por iso, está sendo fundamental a repartición de auga embotellada que fan máis de 70 voluntarios entre os damnificados.
Outro dos problemas que padeceron os veciños foi o corte de electricidade tras arder varios paus eléctricos. A isto súmase a denuncia que facía o propio alcalde das Neves contra Movistar —empres que controla a rede telefónica— por non ter restablecido o servizo de telefonía unha semana despois dos incendios.
De igual xeito, os veciños de Ponteareas tamén están organizándose para iniciar a recuperación de zonas como o monte de San Cibrao de Guláns, en Ponteareas,outra zona moi afectada polos incendios.
Alí, neste concello, veciños e comuneiros organizaron unha asamblea-xuntanza aberta de reflexión colectiva e aproveitaron tamén para espallar palla nas zonas calcinadas, fundamental para fixar a terra, que non se perda solo e favorecer a xerminación cando comecen os traballos de replantación.
Estas imaxes repítense por diversos concellos afectados pola onda de incendios da pasada semana.
ACTUACIÓN DA XUNTA
Pola súa banda, a Consellería de Medio Rural coordinou unha mesa na que participaron diversos departamentos da Xunta e o presidente da Federación Galega de Municipos de Provincias (Fegamp), Alfredo García, de cara a organizar distintas actuacións ás que a Xunta destina tres millóns de euros nos 125 concellos afectados polos lumes. Pero primeiro terán lugar nas zonas "de máis superficie" co obxectivo de "ser os máis áxiles posibles", segundo explicou o director xeral de Ordenación Forestal da Xunta, Tomás Fernández-Couto.
Deste xeito, os técnicos do centro de formación e experimentación agroforestal de Lourizán inician esta semana a avaliación de lumes para pór en marcha as actuacións, que segundo prevé a conselleira Ángeles Vázquez, serán "moi prolongadas no tempo".
Ángeles Vázquez subliñou que tras unha primeira fase "terrible", que consistiu en apagar lumes, chegou unha segunda para habilitar axudas e agora toca "actuar sobre o territorio". Para iso, apela á coordinación e "non duplicar esforzos que acaban sendo inútiles".
Neste sentido, "hai moita afectación de zonas preservadas a nivel medio ambiental", como Os Ancares e O Xurés, mentres se prestará especial atención a "algo fundamental" como son os bancos marisqueiros, con "moita cautela" para que "non sufran afección". Para iso, instalaranse "distintas barreiras para frear se veñen riadas", mentres "se colocarán mallas de xeotextil á beira das rías e o mar", explicou Ángeles Vázquez.
Os técnicos estudarán como actuar en función das pendentes, así como levar a cabo a denominada técnica de 'mulching', que consiste en cubrir de palla o chan de zonas queimadas para protexelo da erosión e evitar o arrastre de terras por choivas.
"Pero non botar palla por todo o territorio a esgalla, que mesmo pode ser prexudicial naquelas zonas onde pode haber un maior arrastre", aclarou a responsable de Medio Rural.
Tamén reflexionou Ángeles Vázquez sobre que o voluntariado é "moi importante", pero coordinado e con estudos do que "se pode e non se pode facer".
"É un traballo moi importante que temos que facer e no cal non podemos fallar", deixou claro, polo que debe haber "unha perfecta coordinación e nada de improvisación", advertiu.
O obxectivo é que en "mes e medio" se actúe xa en todo o territorio de maior afectación, pero "ao longo do próximo ano" deberanse "tomar moitas medidas" como poidan ser curtas de madeira necesarias ou traballos de canalización.
De tal forma, irase analizando zona por zona, xa que hai "incendios que foron rapidísimos". "Poida que a zona se rexenere soa e non teñamos que actuar, porque a natureza é sabia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.