Fala un cooperativista que perdeu case todo: “Choramos e choraremos, pero temos que seguir...”

Alejandro Martínez, 50 anos, dirixe unha cooperativa de seis traballadores nas Neves. Un negocio que quedou seriamente danado logo da vaga de lumes do domingo negro. Perdeu 45 colmeas de mel con medallas de prata e bronce, cultivos ecolóxicos e unha edificación do século XIX que quería restaurar para instalar a súa cooperativa. “Hai que seguir para adiante. Xa choramos o que tiñamos que chorar. Seguiremos chorando, pero temos que tirar para adiante”, asegura. Esta é a súa historia.

Por Xurxo Salgado | A Neves | 25/10/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Alejandro Martínez é un dos promotores da Sociedad Cooperativa Agraria Condado-Paradanta, unha cooperativa moi coñecida en toda esa comarca, e tamén en Galicia, polos famosos requeixos das Neves. Pero o negocio non só é de requeixos. Tamén cultiva produtos ecolóxicos, principalmente, froitos do bosque como amoras, amorodos arandos ou arandos vermellos, e mel, moito mel. Iso era ata antes do 15 de outubro. O domingo negro dos lumes.

Alejandro Martínez, presidente da cooperativa do requeixón das Neves, observa os devastadores efectos do lume tras a vaga de incendios que asolou Galicia en outubro de 2017
Alejandro Martínez, presidente da cooperativa do requeixón das Neves, observa os devastadores efectos do lume tras a vaga de incendios que asolou Galicia en outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Ese día unha língua de lume que subíu como se fora unha cheminea polo río Termes acabou co esforzo de anos. O incendio arrasoulles un colmear con 45 colmeas. Case 1.200 quilos dun mel co selo Mel de Galicia e que xa levara medallas de prata e de bronce. Tamén lle queimou unha veiga na que había sementados froitos do bosque e as lapas mesmo chegaron ás dependencias da actual cooperativa, afectando seriamente unha das súas partes.

Pero o que máis lle doeu a Alejandro foi ver como as lapas tamén arrasaban un vello aserradeiro hidráulico do século XIX que adquiriu hai un tempo para tentar facer del o centro de toda a súa cooperativa. “Foi unha gran perda material, pero tamén sentimental porque hai lembranzas de familia, de moita xente que traballou ahí”, apunta a GC. “Meu avó no 27 traballou aí con 12 anos, e aí colleu o alcume familiar por parte de nai, os Pichóns”, di. “E iso?”, “porque estaba nun castelo de madeira e derrubouse e el, que lle gustaban moito os pichóns, dixo que voou como un pichón para salvarse. Desde entón quedoulle o alcume”. Dentro de tanta tristura dá tempo para uns sorrisos.

O sitio, ata a chegada do lume, era fermoso. Un remanso de paz no medio dun paraíso verde que agora mudou a negro, gris e triste. Ese proxecto que tiña para crear un gran centro de degustación dos seus produtos; o requeixo das Neves, marmeladas artesáns e mel, é hoxe un espellismo. Un total de 400.000 euros de investimento que, agora, terán que agardar, ata non saber cando. Tamén eses moteiros que fan a ruta Vigo-Ourense pola antiga estrada terán que agardar a ver ese proxecto rematado. Un centro que pretendía asociar turismo, gastronomía, paisaxe e produtos naturais e artesanais. 

"Mirar para adiante"

Pero Alejandro, a pesar de todo o perdido, da tristeza e das centos de bágoas que fuxiron polo seu rostro estes días, aínda ten esperanzas. “Sempre na cooperativa tentamos mirar para adiante e fronte á maldade, resistencia”, asegura. Por iso, di, o máis importante é continuar para adiante. Agora están tentando facer un reconto de danos, pero, afortunadamente, tiñan almacenado aínda mel, requeixo e froitos para tentar continuar coa súa actividade, cando menos, unha tempada. “Paramos a semana pasada pero esta xa volvemos surtir de produtos a negocios de Vigo, Santiago e mesmo de Inglaterra”, di mentres conduce a súa furgoneta para cumplir, precisamente, algún destes encargos. 

Efectos dos incendios que arrasaron parte do Concello das Neves durante a vaga de lumes en pleno mes de outubro de 2017
Efectos dos incendios que arrasaron parte do Concello das Neves durante a vaga de lumes en pleno mes de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Tampouco descarta pedir as axudas da Xunta. “Nós vamos pedilas. Eu son de familia labrega e, como dicían na casa; quen non chora, non mama.... Pero mentres veñen non podemos agardar. Temos que seguir tirando para adiante”, suliña. “Choramos o que tiñamos que chorar. Abrimos o negocio e seguimos e choramos pero temos que tirar para adiante”, repite.

Os lumes

Sobre o que pasou o domingo negro é contundente. “Eu teño 51 anos pero nunca coñecín un lume deste xeito... e xa temos pasados lumes fortes. E neste ensináronme dispositivos moi sofisticados que estaban postos no monte. Querían que a N-120, á altura de Covelo, quedara cortada. Querían cortar as vías de comunicación, e a autopista tamén, e deixarnos sós ante o lume”, sinala.

Tamén recoñece que os lumes superaron os dispositivos previstos. “Non pode haber medios para todos. Houbo maldade, e fronte a iso, hai que volver erguerse”, di. O incendio cruzou de Portugal. Nun primeiro momento faltaban efectivos. “A UME chegou tarde pero salvou casas en Liñares e en cando chegaron tiraronse ao lume e esforzáronse”, apunta. “Que non houbera medios ao final de outubro na Xunta igual é entendible pero por moitos medios que houbera non había xeito de coller os lumes”, afirma.

E como rematar con esta situación que se repite ano tras ano?. “Que haxa unha normativa para que eses terreos que están abandonados se limpen. E senón, que se embarguen”, di. Non quere escoitar a palabra expropiar porque di, el é liberal e de dereitas. “E todo hai que facelo con moito xeito para que todo isto non se converta nun monocultivo do viño. Non digo que non haxa que plantar viño... Benvido sexa o noso viño, que é un dos mellores, pero hai que evitar os monocultivos ou plantar con cabeciña. Os monocultivos non axudan á terra", avisa.

Zona queimada polos incendios que arrasaron parte do Concello das Neves durante a vaga de lumes en pleno mes de outubro de 2017
Zona queimada polos incendios que arrasaron parte do Concello das Neves durante a vaga de lumes en pleno mes de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta