Temas: XUNTA

A Xunta acelera os trámites para que multinacionais como Endesa ou Gas Natural instalen parques eólicos en Galicia

Varios departamentos están xa a disposicións destas empresas para que en dous anos poidan ter máis de 400 mw en funcionamento. O norte de Lugo será o máis afectado polos novos parques que tamén afectan concellos da Coruña e Pontevedra. Feijóo di que utilizará a nova lei de implantación empresarial para tramitar todo “na metade do tempo”.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 21/12/2017 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

Galicia volve a estar no mapa das eólicas. Logo do parón dos últimos anos debido primeiro ao cambio da lei por parte do Goberno popular e, despois, á crise económica, o país volve ser moi apetitoso para as grandes multinacionais. De feito, Gas Natural, Endesa, Ibereólica de Renovables e Norvento resultaron xa adxudicatarias de varios proxectos que deben estar listos a 31 de Nadal de 2019.

Parque eólico
Parque eólico | Fonte: DUVI.

E, para conseguilo –habitualmente os trámites levan moito máis tempo-- Feijóo decidiu “acortar o tempo á metade”, aproveitando a nova lei de implantación empresarial de Galicia, aprobada hai poucas semanas no Parlamento de Galicia. Unha norma que a oposición cualificou de “lei de depredación” de Galicia. De feito, anunciou que xa hai varias direccións xerais, as de Medio Ambiente, Patrimonio e Industria, traballando para facilitar os permisos e os estudos. “Deste xeito daremos maior seguridade para que os promotores poidan ter listo os parques en dous anos”, explicou Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

O obxectivo é que as adxudicatarias do concurso estatal de enerxía eólica poidan ter listos os seus 18 parques “canto antes”. Unhas infraestruturas que, segundo o presidente galego, servirán para crear 6.000 postos de traballo durante os dous anos que duren as obras e que xerarán 650.000 euros anuais –ata os 13 millóns-- de taxas para os concellos nos que estean instalados.

NORTE DE LUGO, MÁIS AFECTADO

A zona máis afectada por esta nova vaga de muíños eolíticos será o norte de Lugo, concretamente, os concellos de Abadín, Mondoñedo, Ourol, O Vicedo, A Pontenova, Riotorto, Lourizán ou Trabada. Tamén haberá parques nos de Castroverde, Baralla, Pol, Triacastela, Láncara ou A Pastoriza. Na Coruña instalaranse nos concellos de Laxe, Cabana, Zas e Vimianzo e en Pontevedra, na Estrada e Campolameiro.

Representación virtual do Parque Eólico Mouriños, nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas
Representación virtual do Parque Eólico Mouriños, nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas | Fonte: Adega.

TRÁMITES AMBIENTAIS

E que pasa se hai problemas de tipo ambiental ou patrimonial?. “Se hai algún inconveniente o proxecto decaerá”, respondeu Feijóo tras ser preguntado por este medio. En todo caso, insistiu que a nova lei está “precisamente” para facilitar a instalación de empresas en Galicia e que a Xunta tamén “axudará” a “acelerar” todos os trámites que sexan necesarios. 

Ademais, Feijóo destacou que estes novos parques se fan sen ningún tipo de primas “como había antes do 2009” e que, polo tanto, a Xunta non terá “nada que pagar por eles”. “Son investimentos que realizan as propias empresas”, engadiu. Ademais destes 400 mw hai a posibilidade de que se activen no futuro outros 200 que tamén foron aprobados para Galicia. Deste xeito, Galicia pode situarse con 4.000 mw instalados xa que, na actualidade, xa hai en funcionamento un total de 3.200.

Temas: XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 antiburras

Os do BNG, desde sempre lamecús de Endesa e Reganosa, estaredes moi contentos , nonsi