Por Xurxo Salgado | Compostela | 15/03/2018 | Actualizada ás 15:34
As fotos do presidente da Xunta co narcotraficante Marcial Dorado foron, son e serán un pesado mantra que Alberto Núñez Feijóo levará toda a súa vida. Deu xa explicacións en varias ocasións sobre elas e a súa amistade con ese narco e terá que continuar falando diso, a pesar de que non lle guste. Pero o problema do líder do PPdeG é que semella que descarga a súa frustración contra algúns xornalistas galegos, e non contra os "de Madrid", cando lle preguntan algo que o incomoda. Tal e o seu enfado que ata tenta ridiculizar aos profesionais galegos, comparandoos cos dos grandes programas da capital do Estado. E iso foi o que aconteceu este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta: "Cando teñan vostedes un programa en La Sexta pois igual lle contesto", contestoulle a este medio.
Galicia Confidencial publicou a pasada semana a información “Utilizan os políticos aos corpos de seguridade e xuíces para neutralizar investigacións xudiciais contra eles?” no que se daba conta, precisamente, do uso que fan os políticos da información que lles chega a través dos corpos de seguridade do estado. É algo do que se fala “oficiosamente”, pero nunca “oficialmente”, ata que Feijóo o dixo publicamente no programa Salvados, de Jordi Évole.
O presidente da Xunta sabía da existencia da fotos co narco Marcial Dorado case dez anos antes de que foran publicadas en 2013 por El Pais. E foi o delegado do Goberno español en Galicia en 2004 -- segundo fontes consultadas por GC, Arsenio Fernández de Mesa--, o que o puxo ao tanto da existencia destas instantáneas.
E sobre iso se lle preguntou ao presidente galego no Consello da Xunta deste xoves. Primeiro foi o xornalista de Praza, David Reinero. “Que delegado de goberno lle deu a vostede esa información?”, preguntoulle. “Esas fotos estaban en mans de moita xente e a min ameazoume un partido político con facelas públicas, mesmo nunha campaña electoral, e, polo tanto, non podería contestarlle esa pregunta”, dixo Feijóo. “Pero quen lle deu a vostede esa información”, insistiu o informador. “Dígolle que esas fotos a tiña moita xente e eu non tiven nada que ver con ningún Sumario en relación a esas fotos”, volveu responder Feijóo. “Pero considera lóxico que un delegado do goberno lle informe diso?”. “Intentei non contestarlle á primeira pregunta e non vou facelo nesta. Igual me parecece interesante como unha tertulia, pero non nunha rolda de prensa”, zanxou Feijóo.
“IGUAL LLE CONTESTO SE VOSTEDE TEN UN PROGRAMA EN LA SEXTA”
E despois o Galicia Confidencial. “Pois eu vou insistir na tertulia porque foi vostede quen dixo nese programa que foi o delegado do goberno quen lle pasou esas fotos. Polo tanto, pode confirmar quen foi?”, continuou o xornalista do GC. E a resposta do presidente da Xunta foi ben elocuente da importancia que lle dá aos medios e aos xornalistas galegos, polo menos a algúns. “Sería unha falta de respecto que lle dea a vostede unha información que non lle din ao seu compañeiro. Cando teñan vostedes un programa en La Sexta, e lle conceda unha entrevista, pois igual lle contesto”, espeteu. "Iso se nola dá", respondeu GC.
Acabada a rolda de prensa houbo un intenso debate entre algúns xornalistas e o presidente da Xunta a conta desta frase, que algúns consideramos unha “faltada”. E aínda que se volveron repetir argumentos, Feijóo chegou a pedir disculpas por se algúns nos consideraramos ofendidos. En todo caso, criticou que algúns medios insistamos nesta cuestión da que dixo deu todas as respostas que tiña que dar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.