Por Galicia Confidencial | A Coruña | 03/07/2018 | Actualizada ás 13:09
A CIG-Servizos vén de anunciar o inicio dunha campaña contra Zara España, S.A. na provincia da Coruña pola "decisión da empresa de instalar máquinas de autocobro nas tendas, substituíndo así as traballadoras", denuncian.
A campaña comezará cun reparto informativo nos comercios de Zara e Lefties de Marineda City, onde este sistema xa comezou a funcionar, para concienciar a clientela das "graves consecuencias que iso ten para o emprego".
“Sabemos que este é o principio e que Inditex tentará implantar este sistema paulatinamente no resto das súas cadeas”, advirten Esther Paz Lestón e Miriam Rego, do comité de empresa.
Segundo explica Carminha Naveiro, tamén membro do comité e da executiva de CIG-Servizos, nas tendas de Zara e Lefties do Centro Comercial Marineda, a dirección Inditex decidiu instalar 14 caixas de autocobro nas que “as clientas fan as funcións das traballadoras, autocobrando e autoemboslando a súa propia compra, aforrándolle así a Inditex a contratación de caixeiras”.
Lembra que desde a CIG se lle solicitou á dirección de Zara España S.A. en distintas ocasións a retirada destas caixas porque “todas vemos como a avaricia das grandes empresas como Inditex, en vez de reverter os millóns de beneficios na creación de postos de traballo nas propias tendas os destrúen para seguir gañando miles de millóns”.
Advirten, pois, da "destrución de postos de traballo" e aseguran que “non podemos quedarnos quietas mirando como unha empresa como Inditex deteriora paulatinamente as nosas condicións laborais”.
Piden, ademais, a colaboración da clientela para que “cada vez que faga unha compra, antes de pagar nunha caixa de autocobro pense primeiro nos postos de traballo que se perden aumentando os millóns de beneficios de Inditex a conta da nosa precariedade e da perda de postos de traballo no futuro”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.