Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 19/09/2018 | Actualizada ás 12:18
A instancias da central sindical CIG, a finais do ano pasado repetiuse nas tendas Lefties da provincia da Coruña unha serie de enquisas para detectar os riscos psicosociais nas tendas. “O último estudo descubriu que a situación non só seguía igual, senón que mesmo o risco era moito máis elevado”, explica Carmiña Naveiro do comité de empresa de Zara España.
Naveiro sinala que “a dirección da empresa é coñecedora disto dadas as reiteradas denuncias da CIG” e tamén apunta que mesmo se presentaron denuncias diante da propia Inspección de Traballo. “A dirección da empresa malia saber en que condicións desenvolve o seu traballo o persoal, négase a adoptar as medidas necesarias para eliminar estes riscos aínda que está obrigada a facelo”.
Segundo a representante do sindicato “toda esta situación vén derivada dunha mala organización da propia dirección da empresa que prefire que as traballadoras vaian pedir milagres a Lourdes que darlle unha solución”. Por outra banda, engade que “a CIG non entende que unha grande empresa como Inditex non invista un céntimo na seguridade e saúde das traballadoras e permita esta situación nas tendas Lefties”.
CAIXAS DE AUTOCOBRO
Inditex decidiu implantar 14 caixas de autocobro nas tendas de Zara e Lefties na grande superficie comercial de Marineda, na Coruña, “onde a multinacional utiliza ás clientas para que fagan as funcións das traballadoras autocobrándose e autoembolsándose e mesmo desalarmando as prendas co único obxectivo de aforrar cartos na contratación de persoal”.
Carmiña Naveiro sinalou que desde a CIG xa se solicitou da dirección de Zara España S.A en distintas ocasións a retirada das caixas de autocobro. Tamén se lle pediu que proceda “á contratación do persoal necesario e free o deterioro das condicións laborais”. Considera ademais que “é vergoñento que unha empresa que obtén miles de millóns en beneficios utilice as máquinas para suplantar ás traballadoras antepoñendo os seus intereses económicos á saúde e seguridade das traballadoras”.
Desde a CIG piden á clientela que faga o seu pagamento nas caixas de sempre, onde atende persoal e que “pense primeiro nos postos de traballo que se están a perder” mentres segue “aumentando os millóns de beneficios de Inditex a conta da nosa precariedade e da perda de postos de traballo no futuro”.
MOBILIZACIÓNS
Diante desta situación que están a sufrir as traballadoras nas tendas a CIG inicia mobilizacións “logo de ter desenvolvido nos meses previos ao verán unha campaña informativa e de sensibilización”. A primeira terá lugar o vindeiro xoves día 27 de setembro ás 12:00 horas na entrada principal do Centro Comercial As Cancelas, en Santiago de Compostela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.