Por Galicia Confidencial | A Coruña | 10/10/2018 | Actualizada ás 15:12
O Xulgado de Instrución número 8 da Coruña abriu dilixencias para investigar unha suposta prevaricación administrativa na cesión do uso da antiga prisión provincial a 'Proxecto Cárcere', no concurso convocado polo goberno local coruñés, para promover este espazo no que se realizaron numerosas actividades culturais e de memoria histórica ao ser estar prisión onde estiveron moitos republicanos detidos, algúns deles, posteriormente fusilados.
A apertura destas dilixencias é resultado da denuncia que a Fiscalía Provincial da Coruña presentou o pasado 1 de outubro, tras a que, á súa vez, formulou ante o Ministerio Público o PP, formación que informou da decisión adoptada polo xulgado e que se personou na causa como acusación particular.
"Xa non é o PP nin a Fiscalía", sinalou a portavoz municipal do PP no Concello da Coruña, Rosa Galego, quen explicou que o auto explica que se abren dilixencias previas "para determinar os feitos, as circunstancias e as persoas que neles interviñeron" ao "presumir" a posible existencia dun delito de prevaricación administrativa.
Pola súa banda, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, a preguntas dos xornalistas, manifestou que é "o normal" tras a denuncia de Fiscalía. "Non é ningunha sorpresa, entra dentro do esperable nunha actuación ordinaria do xulgado".
Por outra banda, insistiu en que o goberno local está "confiado en poder aclarar todo". "Nesas dilixencias, non se chamou a declarar a ninguén do concello, nin se nos remitiu solicitude de información", dixo tras as actuacións de Fiscalía. Por iso, reiterou a súa disposición a aclarar "o que necesite aclaración".
FISCALIA CUESTIONA A CESIÓN
No seu escrito, o Ministerio Público solicitaba que se investigase, por presunto delito de prevaricación por parte da concelleira de Participación, Claudia Delso, a adxudicación da cesión do uso deste edificio.
Fíxoo tras concluír as dilixencias de investigación que abriu o pasado mes de agosto, por mor dunha denuncia presentada polo PP despois da cesión do uso do cárcere á asociación Proxecto Cárcere, por resolución de 8 de setembro de 2017.
Para o Ministerio Público, existen indicios de "a prevalencia do interese de ceder o uso do edificio" a esta asociación "por encima do cumprimento estrito da legalidade". Por este motivo, estimou necesario "profundar na instrución pola vía xudicial ante a posibilidade dun delito de prevaricación", descartando, con todo, os delitos de malversación e contra a administración de xustiza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.