Por Galicia Confidencial | Bruxelas | 23/10/2018 | Actualizada ás 13:46
A eurodeputada Lidia Senra denunciou na UE a intención da Xunta de reducir as multas ás empresas que contaminen o medio ambiente sempre que reacondicionen o terreo danado. Unha medida aprobada como lei de acompañamento nos recentes orzamentos aprobados polo Goberno galego.
Segunda esta nova lei, os responsábeis de infraccións relativas ao incumprimento de obrigas de reacondicionamento do espazo natural afectado, ou ao incumprimento das previsións contidas no plan de restauración, terán dereito a unha redución do 70% da multa no caso de que acrediten ter cumprido cas labouras de reacondicionamento. Esta bonificación pode ser aumentada cun 10% máis, chegando a unha redución total do 80%.
“Na práctica isto significa que quen provoque danos medioambientais, pero posteriormente argumente telos subsanado, verá reducida a sanción económica pertinente a unha contía meramente simbólica”, denuncia Senra. “Isto basicamente é poñer Galiza á disposición da mineiras para que fagan o que lles pete”, engade.
Dende o inicio da presente lexislatura a eurodeputada ten rexistrado xa un total de dezaoito preguntas parlamentarias trasladando ao ente comunitario a "crecente preocupación existente na sociedade galega polo depauperamento da calidade das normas que rexen a protección medioambiental" en Galicia no referido á facilitación para a instalación de proxectos mineiros.
“Plantexamentos como o recollido no proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas non só están feitos á medida das empresas que incumpren as leis de protección medioambiental, senón que ademais poden funcionar como un negativo reclamo que atraia á Galiza corporacións que operan con prácticas lesivas para o medioambiente e a sociedade”, advirte.
Neste sentido, anuncia que presentará a que será a decimo novena pregunta á Comisión Europea en relación á “estratexia legalización do espolio de recursos mineiros iniciada pola Xunta de Galicia”. Por iso, Senra solicitou á Comisión Europea saber concretamente se este retroceso en materia de protección medioambiental é compatíbel cos criterios estipulados nas directivas europeas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.