Autorizado o polémico parque eólico Mouriños tras denuncias de forte impacto ambiental, paisaxistico e patrimonial

A tramitación desta infraestrutura, que impulsa unha filial de Endesa, tivo case un cento de alegacións, entre elas, a de numerosas entidades ecoloxistas, patrimoniais e ata doutra compañía eléctrica, Unión Fenosa. A súa promotora asegura que servirá para “mellorar a calidade de vida das zonas rurais".

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 23/10/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O parque eólico Mouriños, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas (A Coruña) e promovido por Renovables Aragón, S.L.U., é xa unha realidade. A Xunta publicou xa esta semana a resolución pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción de dita infraestrutura eléctrica.

Representación virtual do Parque Eólico Mouriños, nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas
Representación virtual do Parque Eólico Mouriños, nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas | Fonte: Adega.

Unha autorización non exenta de polémica xa que a batalla para impedir a súa construción estendeuse durante máis dun ano. Con todo, e grazas á polémica Lei de fomento da implantacións de iniciativas empresariais en Galicia --Lei de depredación de Galicia para a oposición--, os trámites do parque foron máis rápidos e sortearon as alegacións presentadas, mesmo, investigacións por parte da UE, polas infraccións relacionadas coa fragmentación múltiple dun só proxecto industrial. 

Precisamente, entre as numerosas alegacións, case un cento, destacan tanto a de particulares como a de entidades culturais, ambientais ou mesmo políticas. Así, destacan as da Sociedade Galega de Historia Natural, Asociación Ambiental Cova Crea, Asociación Amigos e Amigas dos Bosques «O Ouriol do Anllóns», Asociación Autonómica Cultural e Ambiental Petón do Lobo, Asociación ecoloxista Verdegaia, Asociación de defensa ambiental Salvemos Cabana ou o Partido Ecoloxista Equo Galicia. 

Tamén os da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), Adega LUGO, Asociación Salvemos Catasós,  Asociación Víctimas de la Justicia Jurisdiccional, Comité de Defensa das Rías Altas, Asociación de Defensa Medioambiental Salvemos Monteferro ou  Comunidade de Augas Fonte do Rechabo de Corcoesto. Chama a atención que outra eléctrica, neste caso, Unión Fenosa, tamén presentara alegacións.

A XUNTA ACURTOU OS PRAZOS

A declaración de utilidade pública outorgada sistematicamente por riba doutros usos, como o agrario, forestal ou turístico, e a declaración de proxecto de especial interese, que acurta os prazos á metade, favoreceron a súa rápida autorización a pesar das denuncias polas afectacións ao seu patrimonio natural e cultural.  Na proximidade do parque eólico atópanse a Zona especial de conservación “Costa da Morte” , Zona de especial protección dos valores naturais “Costa da Morte”, e Zona de especial protección para as aves “Costa da Morte (Norte)”. 

Zona afectada pola localización dun dos aeroxeneradores que se prendende instalar no parque eólico Mouriños
Zona afectada pola localización dun dos aeroxeneradores que se prendende instalar no parque eólico Mouriños | Fonte: Salvemos Cabana.

Con todo, a Dirección Xeral do Patrimonio Natural indicou que a zona onde se localiza o proxecto non ostenta ningunha figura autonómica ou estatal de protección de espazos naturais. Tampouco a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural considerou que había afectacións aos bens patrimoniais, a pesar de que o parque afecta á mámoa do Pico de Sinde e ao Castelo de Borneiro

A mámoa neolítica atópase próxima ao aeroxenerador M1 do parque eólico, mentres que o Castro de Borneiro, da Idade do Ferro, con posterior ocupación medieval, está próximo ao aeroxenerador M3. Ademais, na proximidade do parque eólico atópanse puntos de interese turístico como son o Castro de Borneiro ao oeste, o Dolmen de Dombate ao leste e as Torres do Allo ao sureste.

Sobre o impacto no turismo, a Axencia de Turismo de Galicia indicou que os máis importantes terán lugar na fase de explotación e, ao seu xuízo, no medio socieconómico ao tratarse dunha zona cun claro destino turístico e rural. O catálogo tamén identifica unha serie de miradoiros que serán afectados pola actuación: o do Monte Branco e o do Alto da Fernandiña, este último situado dentro da área de aproveitamento do parque eólico. 

PARTIDOS E EMPRESA

Distintas formacións políticas como En Marea ou o BNG tamén denunciaron a execución deste proxecto e aseguraron que este é "o exemplo perfecto dun modelo pensado para beneficio das grandes eléctricas, alleo ao desenvolvemento económico local, mesmo contraproducente, que non pagará nin un euro de canon eólico".

Segundo a empresa promotora, Renovables de Aragón SLU, os parques eólicos “aproveitan unha das vantaxes territoriais de Galicia, o vento, para o seu desenvolvemento e para mellorar a calidade de vida das zonas rurais". Un argumento completamente oposto ao das numersoas entidades que presentaron alegacións que suliñan que esta contorna ten un enorme potencial turístico polas súas condicions naturais e pola súa paisaxe. Ademais, denunciaron que, ademais da paisaxe e do patrimonio cultural, afecta á  á fauna, e especialmente a unha especie en perigo de extinción: a escribenta das canaveiras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Martiño Luteiro

E todo para que as empresas foráneas paguen os seus impostos en Madrid.